Poio prepárase para o Samaín de Campelo con novas propostas: chega a ‘Casa do Medo’

24/10/2025

A tradicional celebración, organizada pola Asociación de Mulleres Arela e o Concello de Poio, terá lugar o sábado 1 de novembro na Praza da Granxa.

Poio xa quenta motores para celebrar unha nova edición do seu emblemático Samaín en Campelo, unha das festas máis consolidadas da provincia, que este ano cumpre trece edicións e volve reunir á veciñanza arredor da tradición, o medo e a diversión.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, presentaron esta mañá o programa de actividades acompañados por representantes da Asociación de Mulleres Arela e da AAVV de Campelo.

A programación arrincará o venres 31 de outubro, ás 18.30 horas, co tradicional truco ou trato polas rúas de Campelo. Pero será o sábado 1 de novembro cando se celebre o groso das actividades, que combinan imaxinación, tradición e espírito familiar.

Entre as novidades destaca a Casa do Medo, unha experiencia terrorífica que abrirá as súas portas entre as 17.30 e as 19.30 horas na antiga gardería de Campelo, totalmente decorada para a ocasión.

A continuación, Barafunda Teatro representará a obra “Quen dixo medo?”, antes de dar paso á tradicional corredoira do terror e ao magosto popular, amenizado polo Dúo La Mecánica. A xornada rematará coa posta en escena do espectáculo “Lumes do averno”, ás 23.00 horas na Praza da Granxa.

O alcalde, Ángel Moldes, animou a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta cita:“O Samaín de Campelo é unha cita que naceu da iniciativa dos propios veciños e veciñas e que cada ano suma máis participantes. É unha das celebracións máis queridas do noso calendario e o mellor lugar para vivila é aquí, en Campelo”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio