Poio premia a Gonzalo Montes e Irene Mariño, mellores lectores da Biblioteca Municipal en 2024

13/01/2025

Programan un punto de interese sobre Xosé Vizoso no Día da Ilustración, un obradoiro de tarxetas polo 14 de febreiro e o contacontos “Bo Camiño”, no día da Lingua materna.

O Concello de Poio entregou os premios aos mellores lectores da Biblioteca Municipal en 2024, que recaeron en Gonzalo Montes Torres, da Seara, na categoría adultos con 85 libros lidos ao longo de todo o ano pasado, e en Irene Mariño Piñeiro, de seis anos e veciña de Campelo, entre os lectores infantís con 69 títulos.

A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, entregoulles un lote de libros como recoñecemento “a un gran hábito, o da lectura, que esperta a creatividade, fomenta o coñecemento e mellora a comunicación, entre outros moitos beneficios”. Nesta liña, convidou á veciñanza a aproveitar todos os recursos que ofrece a Biblioteca Municipal de Poio.

Ademais, tamén adiantou a programación que ofrece nos vindeiros dous meses. Así, o día 30 na Biblioteca celebrarase o Día da Ilustración, que se conmemora coincidindo co día do nacemento de Castelao. Este ano homenaxéase a Xosé Vizoso e na biblioteca colocarase un punto de interese sobre el e a súa obra que poderán consultar todas as persoas usuarias.

En febreiro, coincidindo coa celebración do Día dos Namorados, o venres 14, organizarase ás 17.30 horas un obradoiro para a rapazada maior de 7 anos no que elaborarán tarxetas para agasallar ás súas amizades e familiares. A partir dunha mostra bibliográfica de poesía de temática amorosa, seleccionarán un pequeno fragmento que incluirán na súa tarxeta.

O Día da Lingua Materna, o día 21, organizarase o contacontos “Bo camiño”, actividade para a que non é preciso inscribirse previamente. Será ás 17.30 horas na biblioteca. O Día da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar sobre a importancia dos idiomas e da función vital que desenvolven.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio