Poio mellora a eficacia na limpeza dos espazos públicos coa incorporación dun novo equipo de lavado a presión

30/05/2024

Ángel Moldes sinala que “permitirá intensificar, reforzar e dar un salto cualitativo moi importante na limpeza viaria e das beirarrúas”

O Concello de Poio mellora a eficacia e a intensidade na limpeza dos espazos públicos coa incorporación dun novo equipo de lavado a presión con depósito, unha máquina que, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, “permitirá intensificar, reforzar e dar un salto cualitativo moi importante na limpeza viaria e das beirarrúas”.

Xunto co deputado provincial Javier Tourís, comprobaron en Combarro, na rúa Pedaporta, o funcionamento da máquina. Nos próximos días programarase a limpeza nos diferentes espazos e beirarrúas de todas as parroquias.

Este novo equipo de limpeza inclúe unha bomba de alta presión accionada por un motor de gasolina de catro tempos e dotado con depósito de auga, mangueira e lanza e prato lavapavimentos. Todo elo montado sobre remolque homologado para circulación por vía pública e totalmente pechado. “Permitirá facer unha limpeza moito máis profunda das nosas beirarrúas, o que redundará nunha imaxe máis limpa, pero tamén mais segura. Eliminará toda esa sucidade que se acumulou durante anos, pó, o verdín que prolifera nas zonas máis sombrías como consecuencia da elevada humidade ou outro tipo de substancias”, engade.

A maiores deste equipo, o Concello de Poio tamén incorporará nas próximas semanas, a través do plan +Provincia, un equipo de pavimentación en quente e un cazo para recoller as algas da praia.

Para adquirir estas tres máquinas novas para obras e servizos destinaranse 43.681 euros. En canto ao equipo de pavimentación en quente, permitirá substituír a cisterna antiga por unha maquinaria máis eficiente e moderna que se destinará a bacheado e aglomerado. Consistirá nunha cisterna para emulsión asfáltica dotada de queimador de gas e dunha prancha vibrante compactadora reversible. Todo elo montado sobre remolque homologado para circulación por vía pública e totalmente pechado.

O cazo para recollida de algas acoplarase á pala, especialmente adecuado para a limpeza de algas o que permitirá, deste xeito, mellorar o acondicionamento das praias do municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio