Poio leva a aprobación inicial o seu primeiro Inventario de Camiños

27/04/2026

O documento, que recolle 750 viais municipais cunha lonxitude total de máis de 200 km, pasará a exposición pública por un prazo de dous meses para perfeccionalo coas achegas da veciñanza antes da súa aprobación definitiva. Rocío Cochón subliña que, a importancia deste inventario é clave para achegar á cidadanía un area complexa pero cun enorme impacto na vida diaria. Seguimos traballando cara un urbanismo responsable, ao servizo da xente.

O Goberno de Poio proporá este martes ao Pleno municipal a aprobación inicial do primeiro Inventario de Camiños do Municipio. O documento, que recolle 750 viais municipais, cunha lonxitude total de máis de 200 km, pasará a exposición pública por un prazo de dous meses co obxectivo de que a veciñanza poida revisar o documento, comprobar posibles omisións ou presentar alegacións antes da súa aprobación definitiva.

A concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, destacou a importancia de contar por fin con esta ferramenta, que é o resultado de moitos meses de traballo por parte da empresa encargada da redacción, en colaboración cos técnicos municipais de distintos departamentos. Con todo, as achegas da veciñanza van ser esenciais, “xa que actualmente é un documento vivo e aberto ás alegacións de observacións dos seus principais beneficiarios”, e o Concello quere “perfeccionalo” coas achegas de veciños e veciñas.

Con ese fin, durante a fase de exposición pública o Goberno municipal que será de dous meses, porá á disposición de todos os interesados un visor online e outras ferramentas para facilitar q que a revisión da documentación se faga de forma máis próxima e accesible nun asunto “de gran relevancia” e construír así “un documento de todos”

O inventario recolle información completa sobre a totalidade da rede de camiños de titularidade municipal, o que exclúe por tanto os camiños privados, servidumes entre fincas ou viais que pertencen a outras administracións. Ademais, inclúe unha ficha individualizada de cada camiño con fotografías, planos, coordenadas xeográficas, información catastral e información como o título de dominio público ou o valor estimado.

Cochón subliñou que con este inventario se cumpre unha obriga legal pero ademais se proporciona unha ferramenta esencial para veciños, técnicos, profesionais, empresas… xa que permitirá saber con claridade cales son os camiños públicos e poder planificar con garantías calquera actuación: “Que un camiño sexa público ou non é a diferenza entre poder construír unha vivenda ou non, ou entre desenvolver un proxecto ou non facelo”.

A edil animou á veciñanza, a consultar a versión inicial do inventario e facer as observacións que consideren oportunas usando as canles facilitadas polo concello, e recorda que a porta do departamento está “sempre aberta” para mellorar Poio e achegar á cidadanía un área complexa pero cun enorme impacto na vida diaria: “Seguimos traballando para facer un urbanismo responsable, útil, accesible, transparente e ao servizo da xente”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio