Poio instala no IES un stand para informar, previr e identificar a violencia sexual

31/03/2025

Natividad Torres sinala que é fundamental involucrar aos menores neste tipo de campañas para educar en igualdade, respecto e tolerancia.

O Concello de Poio, en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade, instalou hoxe no Ies o stand “Agressión off”, para informar, previr e identificar a violencia sexual.

Durante toda a xornada, están traballando co alumnado en diferentes obradoiros para que reflexionen sobre o bo trato nas primeiras relacións, para que aprendan a identificar as tipoloxías da violencia sexual e evitar ditas agresións e, ademais, incidindo nunha educación afectivo sexual alternativa á pornografía. Así, entre as temáticas que se abordan destacan o desmantelamento de estereotipos de xénero co obxectivo de combater o sexismo desde a infancia; mitos sobre o amor; evidenciar as diferentes formas do machismo e como detectalo no día a día; a parella e a igualdade; autoestima e valoración persoal… Ademais, promoveranse modelos de relación afectivo- sexuais baseados no respecto e a tolerancia, coa finalidade de erradicar os prexuízos baseados nos roles de xénero e novas tecnoloxías; educación en igualdade; e a importancia de estar informados. 

Desde o Concello de Poio, a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, incide na importancia de involucrar aos menores neste tipo de campañas ao longo de todo o ano xa que, asegura, educar en igualdade, respecto e tolerancia é fundamental para garantir estes valores no futuro. “Queremos dirixirnos á xente moza, usando a súa linguaxe, os seus recursos e incidindo nunha problemática que nos preocupa e que seguimos sen solucionar. É imprescindible traballar de xeito conxunto para evitar a violencia sexual. Traballar na prevención é fundamental”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio