Poio informa á mocidade sobre o funcionamento dos Puntos Lilas como espazos seguros fronte á violencia machista

12/12/2024

Natividad Torres incide en que é fundamental traballar na prevención, “que entendan que calquera persoa pode ser agresor e que hai moitos tipos de violencia contra as mulleres que é urxente erradicar”.

O Concello de Poio continúa desenvolvendo as actividades organizadas a través da campaña do 25N, coa que está intentando crear conciencia sobre a violencia machista en toda a sociedade e, de xeito importante, nas xeracións máis novas. Así, a campaña “Quen é agresor? Que a vergoña cambie de lado” trasladouse esta semana ás aulas do IES de Poio, onde organizaron charlas informativas sobre o funcionamento dos Puntos Lilas, uns recursos que, por exemplo no caso de Poio, poden atopar en moitas das festas e outras actividades que se organizan para ofrecer espazos seguros, axudar e activar os protocolos policiais de atención precisos en caso de agresión sexual.

No instituto organizáronse dous obradoiros, o primeiro deles dirixido ao profesorado, que recibiu formación para crear dentro do centro espazos de información, identificación, visibilización e acompañamento para poder resolver e actuar ante situacións puntuais sobre violencias machistas, e o segundo, especificamente destinado para o alumnado, para que coñezan este recurso e que teñan a confianza de que sempre poden recibir axuda profesional nestas zonas de seguridade.

A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, incide en que para atallar as violencias machistas é fundamental traballar na prevención, e por iso a campaña do 25N do Concello de Poio inclúe talleres e actividades que se desenvolven durante varios meses nos centros de ensino. “É fundamental que entendan que calquera persoa pode ser agresor e que hai moitos tipos de violencia contra as mulleres que é urxente erradicar”. Neste senso, recorda que “a violencia sexual, as miradas e os xestos obscenos, as proposicións insistentes, os tocamentos sen permiso, os comentarios ofensivos e os comportamento sexistas tamén son formas de violencia”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio