Desenvolverase ata decembro na aula da Reiboa e agasallará cun equipo informático ao alumnado que supere o itinerario. As persoas interesadas en participar poden facelo en dixigal@bigformacion.com ou no teléfono 654 825 395.
Poio imparte un novo curso de capacitación dixital dirixido a persoas en situación de desemprego. Unha formación gratuíta que se desenvolverá entre outubro e decembro na aula da Reiboa.
Trátase do proxecto DIXIGAL, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Poio e financiado a través de fondos europeos, e que permitirá ao alumnado seguir avanzando en coñecementos informáticos que permitan mellorar a súa empregabilidade, favorecer a busca de emprego a través da rede e, incluso, facilitar as súas xestións a través da rede. Nesta ocasión, o curso ofrecerá ensinanzas en nivel avanzado, para deste xeito dar continuidade ás aprendizaxes de iniciación e nivel intermedio que se organizaron no último ano. O alumnado que supere todo o itinerario recibirá como agasallo un equipo informático que lles facilitará seguir practicando todo o aprendido nos seus fogares.
Esta formación está composta por cinco módulos de 40 horas cada un, sumando un total de 200 horas. Entre o temario inclúese análise da información dixital, creación de contidos dixitais e programación, comunicación e colaboración de ferramentas dixitais, resolución de problemas na contorna dixital e seguridade e civismo na contorna dixital.
A formación é gratuíta e as persoas interesadas en participar ou recibir máis información poden facelo no enderezo electrónico dixigal@bigformacion.com, no teléfono 654 825 395 ou no servizo de Orientación Laboral do Concello de Poio.
O nivel académico do alumnado esixido é o correspondente ao título de Bacharelato ou equivalente, FP de Grao Superior ou equivalente, posgrado ou equivalente, ter cursada a acción formativa do nivel anterior dentro do mesmo itinerario ou, no caso de non contar con ningún dos anteriores, superar unha proba competencial de nivel.
OBRADOIRO PARA FACILITAR AS XESTIÓNS ADMINISTRATIVAS ONLINE
Por outra banda, na Aula Cemit de Combarro impartirase un novo obradoiro para facilitar ás persoas maiores os trámites administrativos online. Unha sesión práctica que se realizará o martes 23 de setembro, ás 11.00 horas, e explicarase como pedir cita no centro de saúde a través da aplicación do Sergas, realizar trámites en liña e usar o cartafol cidadá, realizar videochamadas con familia e amigos e ofreceranse pautas para identificar as estafas e os fraudes dixitais.
Será unha sesión gratuíta, e as persoas interesadas en participar poden anotarse no Pazo Besada ou no teléfono 986 872 401.