Poio explica na Comisión Mixta de Tambo os plans de mantemento e desbroce que vai realizar na illa

13/02/2026

Esta semana celebrouse a oitava reunión para o seguimento da cesión demanial, na que se abordaron outras cuestións como os traballos arqueolóxicos realizados na illa.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, participou esta semana na oitava Comisión Mixta para o seguimento da cesión demanial da Illa de Tambo, xunto co comandante director Tomás Clavijo e outros responsables da Escola Naval Militar de Marín e técnicos municipais.

Na reunión, celebrada na Escola Naval, Moldes deu conta de todas as actividades desenvoltas durante os últimos meses, que continúan apostando por poñer en valor e preservar “un dos tesouros do noso municipio”. Neste senso, anunciou que o Concello de Poio vai executar , en canto as condicións climatolóxicas o permitan, un plan de mantemento das zonas e sendas de tránsito na illa, así como a revisión dos eucaliptos con risco de caída e traballos de desbroce, unha posta a punto para garantir a seguridade na illa que se intensifica nos meses de primavera, xa que é a época adecuada e recomendada para facelo.

No relativo á infraestrutura de atraque e accesibilidade, Moldes informou que está previsto revisar e reforzar a varanda do peirao e que xa se iniciou ante Costas a tramitación administrativa necesaria para instalar un pantalán flotante estacional con rampla accesible adaptada ás mareas.

Ademais, Moldes tamén repasou os traballos arqueolóxicos realizados durante este inverno en colaboración coa Xunta de Galicia, e que permitiron confirmar a existencia dun conxunto de restos patrimoniais de grande valor histórico e científico. Destacou que estas escavacións poñen en valor o extraordinario potencial patrimonial de Tambo, que conta con evidencias de ocupación continuada na illa ao longo de distintos períodos históricos, desde a Idade do Ferro (coas estruturas de terrazas do Castro de Tambo) ata a presenza militar con numerosas estruturas e inscricións datadas do século XX. Así mesmo, confirmou a disposición da Consellería de Cultura a continuar apoiando a investigación arqueolóxica na illa, e mesmo adiantou que se organizará unha visita técnica á Illa coa empresa arqueolóxica responsable en canto o tempo mellore.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio