Poio e Portos asinan un convenio para autorizar e regular a pesca deportiva e de lecer en Combarro, Raxó e Campelo

19/02/2026

Ángel Moldes agradece a colaboración de Portos e dos patróns maiores das confrarías: “Grazas a eles podemos ter unha actividade de convivencia, tendo sempre claro que os portos son unha actividade profesional e pesqueira que sempre vai ter prioridade”.

O alcalde do Concello de Poio, Ángel Moldes, e o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para autorizar e regular a práctica da pesca deportiva e de lecer nos portos de Combarro, Raxó e Campelo.

Moldes cualificou a xornada como “un día de ledicia, non xa polo material nin polo económico, que neste caso este convenio non ten ese valor económico, senón porque damos resposta a unha demanda de distintos colectivos”.

O acordo habilita zonas específicas en cada un dos portos, perfectamente delimitadas e sometidas a control, tendo en conta que a actividade portuaria cesa en determinados días e franxas horarias —especialmente en fins de semana e festivos—. A aplicación dun control específico nos períodos de menor actividade permitirá compatibilizar a práctica da pesca deportiva coa actividade profesional, que sempre terá prioridade.

O alcalde amosou o seu agradecemento a Portos de Galicia pola súa capacidade para escoitar e entender que a pesca deportiva tiña unha demanda real no municipio, así como á colaboración e disposición dos patróns maiores das confrarías de pescadores, e de xeito especial ao patrón maior da Confraría de San Gregorio de Raxó, Iago Tomé.

“Grazas a eles podemos ter unha actividade de convivencia, tendo sempre claro que os portos son unha actividade profesional e pesqueira que sempre vai ter prioridade. Os portos están pensados para que os mariñeiros traballen e para garantir o seu sustento económico e familiar. É esta actividade profesional a que paga as taxas de Portos de Galicia. Pero sendo conscientes desta realidade e de que este é o uso prioritario, dentro desa convivencia tamén poden ter cabida outras actividades non profesionais”, sinalou.

Neste senso, pediu responsabilidade, lembrando que a pesca deportiva e de lecer non é unha actividade profesional nin pode ter beneficio económico. “Os que viven do mar son os profesionais: os que pagan os seus impostos, os autónomos, os seguros… e por iso a pesca deportiva e de lecer non pode ser unha competencia. Por sorte, no noso concello hai unha boa convivencia entre ambos sectores”.

Para facer efectiva esta autorización, resulta imprescindible a colaboración do Concello de Poio, que asumirá tarefas de apoio no control e vixilancia das zonas habilitadas, co obxectivo de garantir unha convivencia axeitada entre o sector profesional e a pesca recreativa e o cumprimento estrito da normativa vixente.

Quedan expresamente excluídas da autorización as zonas de cantís dos peiraos destinados ao atraque de embarcacións, as áreas de operativa de maquinaria e os ámbitos de actividade de grúas, travelift e demais espazos vinculados directamente ao funcionamento portuario.

Desde o Concello salientan que este acordo supón un paso importante para poñer en valor o litoral de Poio e fomentar actividades de lecer saudables, reforzando ao mesmo tempo a colaboración institucional con Portos de Galicia en beneficio da veciñanza.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio