Poio destinará fondos provinciais para mellorar o firme e a recollida de pluviais en Camiño da Escola, Chancelas

04/04/2026

O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, visitou a zona, onde se pretende solucionar os problemas derivados do deterioro do pavimento e das escorrentías. O Concello abrirá nos vindeiros días o proceso de licitación das obras, que poderán estar adxudicadas en un prazo aproximado de dous meses.

O Concello de Poio investirá 63.517,78 euros procedentes do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra na execución da primeira fase das obras de mellora do firme e da drenaxe de augas pluviais no Camiño da Escola, en Chancelas.

O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, destaca a importancia desta vía municipal, para mellorar a calidade de vida da veciñanza da zona. Ademais, recorda que dá acceso ao colexio e conecta con núcleos urbanos relevantes e praias de gran afluencia. “Trátase dunha vía que funciona tamén como corredor alternativo, especialmente durante a época estival”, sinala.

Na actualidade, o Camiño da Escola presenta unha anchura media de entre 7 e 9 metros e un pavimento asfáltico que, debido ao paso continuado de vehículos e á acción da auga, amosa un notable deterioro en varios tramos. A orografía da zona, con pendentes lonxitudinais e puntos de escorrentía lateral, favorece que as precipitacións intensas afecten negativamente á conservación do firme, provocando erosión e arrastre de materiais.

Ante esta situación, resulta necesario actuar tanto na rehabilitación do pavimento como na mellora do sistema de drenaxe. Para iso, instalarase unha rede de evacuación de augas pluviais que combinará solucións soterradas —mediante tubaxes e sumidoiros— con recollida a través de cunetas ao longo do tramo de actuación.

En concreto, a actuación inclúe a colocación de 115 metros de tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro, a execución de 145 metros de cuneta, así como a instalación de cinco pozos de rexistro e cinco sumidoiros, co obxectivo de optimizar a recollida e canalización da auga de escorrentía cara aos colectores.

Unha vez aprobado o destino destes fondos para executar este investimento, o Concello de Poio abrirá nos vindeiros días o proceso de licitación das obras, que poderán estar adxudicadas nun prazo aproximado de dous meses.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio