Poio despide o luns aos Reis Magos de Oriente cunha cabalgata moi participativa e unha gran festa

02/01/2025

O domingo 5 a ruta Real percorrerá as Aldeas de Nadal e todas as parroquias de Poio, para rematar na carpa Poio Máxico.

Poio despedirá este luns, 6 de xaneiro, aos Reis Magos cunha cabalgata moi participativa e unha gran festa. As Súas Maxestades de Oriente terán a oportunidade de despedirse dos nenos de Poio e de toda a comarca nunha cabalgata formada por preto de trescentas persoas, que rematará na carpa Poio Máxico cunha grande festa. Tal e como fixo o ano pasado, o Concello volve apostar porque Melchor, Gaspar e Baltasar faga dobre parada en Poio e se despidan ata o ano próximo cunha celebración por todo o alto na Seca.

Así, os Reis Magos chegarán a Poio o domingo 5 para percorrer as rúas do municipio. Ás 11.00 horas sairán desde Casal de Ferreirós para visitar O Bao, A Caeira, A Barca, Porteliña e, posteriormente, percorrer cada unha das Aldeas de Nadal. Xa pola tarde, a comitiva sairá ás 16.00 horas desde o Palacete de Besada para achegarse ata San Xoán, Combarro, Samieira e Raxó e saudar a grandes e pequenos. Rematarán a xornada cunha parada na carpa Poio Máxico, na Seca, a partir das 19.00 horas onde se lles fará unha recepción real.

Pero Melchor, Gaspar e Baltasar tamén estarán en Poio o propio día de Reis, o luns 6 de xaneiro, para ser protagonistas dunha cabalgata de despedida na contorna da Seca que vai rematar coa festa final de Bulelandia na carpa Poio Máxico coa música, baile e animación de Javi Solla e Tere.

Na comitiva, formada por preto de trescentas persoas, entre nenos e maiores, participan todas as anpas dos colexios de Poio, así como membros das comparsas e grupos locais: 100Tolos, As Sonecas, Os Canecos e o Grupo de Entroido de Samieira. Formada por catro carrozas, sairán desde o camiño da Fábrica para percorrer a 4ª travesía da Seara ata chegar á Reiboa, onde está situada a carpa Poio Máxico.

Así o explicou o alcalde, Ángel Moldes, na reunión de organización que mantivo esta semana con representantes das anpas e das comparsas que participan na cabalgata, onde sinalou que o cambio de percorrido deste ano con respecto ao do ano pasado débese a que desde a DGT non autorizan o corte da PO-308 porque xera importantes retencións e repercusións na mobilidade en toda a área, incluídos os accesos e saídas da autoestrada. Unha decisión que obrigou ao Concello de Poio a buscar un itinerario alternativo para evitar o paso e o cruce pola estrada autonómica e que, finalmente, vai congregar na Seca un gran ambiente que rematará coa celebración en Poio Máxico.

Desde Poio animan a nenos e maiores de dentro e fóra do concello a despedir o Nadal por todo o alto este luns. “Temos un Nadal moi participativo, que involucrou a moitos colectivos locais e que está pensado para que disfrute toda a familia, por iso poder rematar estas datas cunha festa por todo o alto é unha verdadeira oportunidade”, sinalou o alcalde, Ángel Moldes. Neste senso, recorda que o ano pasado a despedida dos Reis Magos desde Poio foi un éxito de público, “e estamos convencidos de que maiores e pequenos volveranse a animar a despedir a Melchor, Gaspar e Baltasar desde A Seca e poñer o broche de ouro a un Nadal Máxico”.

O Concello de Poio conta na cabalgata tamén coa colaboración de empresas como Froiz, San Marcos, Abanca, Bon Pollo, Autos Sercar, Grupo Rofer e Asociación de Vehículos Clásicos AVA.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio