O Concello de Poio albergou a presentación oficial da primeira fase do Campionato de España sub 14 e sub 16 masculino que terá lugar esta fin de semana.
Queda oficialmente activada a conta atrás. O Concello de Poio albergou este martes o acto de presentación oficial da primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas sub 14 e sub 16 masculinas, unha cita que se disputará esta próxima fin de semana na localidade pontevedresa. Os campos de fútbol da Seca e A Reiboa serán os escenarios que alberguen os encontros entre as seleccións de Galicia, Canarias, Asturias e Melilla.Ao acto co que se deu oficialmente o pistoletazo de saída a esta cita nacional acudiron o alcalde de Poio, Ángel Moldes; o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; o vicepresidente da RFGF, José Manuel Fernández; e o concelleiro de Deportes do Concello de Poio, Cándido Muiños.A cita arrincará este próximo venres coa disputa da primeira xornada de competición e rematará o domingo.Epicentro do fútbol base nacionalPoio converterase nas próximas horas no epicentro do fútbol base nacional. Destacan o alcalde de Poio, Ángel Moldes, que desde o consistorio están facendo unha importante aposta na promoción e apoio ao deporte. «Estámonos consolidando como un referente na organización de eventos deportivos de primeiro nivel que ofrecen unha dobre oportunidade: por suposto no eido deportivo para vivir e disfrutar dunha competición desta calidade, pero tamén cun impacto moi relevante a nivel socioeconómico, atraendo visitantes e dinamizando a nosa economía». «Estamos listos para acoller aos futbolistas do futuro. Todos son benvidos e ogallá poidamos gozar dunha fin de semana de fútbol de alto nivel», engadiu o alcalde.Pablo Prieto, pola súa banda, quixo agradecer, en primeiro lugar, «ao Concello de Poio polo seu recibimento e pola sempre extraordinaria predisposición cando chamamos para poder organizar algún evento». «Para nós é importante xogar esta primeira fase na casa, na nosa terra, e que mellor que en Poio para buscar ese ascenso a Primeira División con este novo formato de competición», engadiu o presidente da RFGF.
Os escenarios
Os campos de fútbol de A Seca e A Reiboa serán os escenarios nos que se dispute esta primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas sub 14 e sub 16 masculinas.

Calendario de competición
O campionato vai desenvolverse en tres xornadas, todas elas de mañá. Haberá dous partidos no campo de A Seca e outros dous na Reiboa. Comezarán cada xornada os infantís (sub 14) ás 10:00 horas e será ás 12:30 cando se disputen os dous encontros da categoría cadete (sub 16).

Galicia na procura do ascenso
A Real Federación Española de Fútbol modificou este ano o formato dos campionatos, separando as seleccións en Primeira e Segunda División. Na Primeira compiten as oito mellores Federacións en base á clasificación dos últimos catro anos e o resto conformarán a Segunda categoría. No caso da categoría masculina, Galicia quedou encadrada no Grupo 1 da Segunda División (son nove seleccións divididas en tres grupos) e o seu obxectivo é acadar o ascenso a Primeira para poder competir a vindeira tempada coas seleccións máis potentes do fútbol español.Cómpre salientar que as seleccións de Primeira División loitarán polo título nacional e haberá dous descensos a Segunda, mentres que os de Segunda loitarán por ascender a Primeira con dúas prazas en xogo.
En directo a través da canle de Youtube da RFEF
Todos os encontros serán retransmitidos en directo a través da canle de Youtube da RFEF.