Poio creará dous novos vestiarios no campo de fútbol da Seca

12/02/2024

  • Desde o Goberno dáse resposta a unha demanda histórica dos usuarios e club, que en numerosas ocasións tiñan que desprazarse ata outras instalacións da contorna para poder cambiarse.

O Concello de Poio creará dous novos vestiarios no campo de fútbol da Seca, para dar resposta así a unha demanda histórica dos clubs locais e facilitar que os usuarios poidan cambiarse na propia instalación, sen ter que desprazarse ata outros espazos deportivos da contorna para cambiarse, como por exemplo o campo da Reiboa ou o propio ximnasio.

O proxecto plantexa crear estes dous novos vestiarios, un para equipo local e outro para visitante, adaptando o espazo existente baixo as gradas, onde están os antigos baños e a sede da SCD. “É unha demanda que vén de lonxe por parte de todos os equipos e deportistas. No campo da Seca hai moitísima actividade, xogan moitas categorías e os adestramentos e partidos de fútbol sucédense ao longo de toda a xornada, e un vestiario resulta totalmente insuficiente”, sinala o alcalde, Ángel Moldes. Por iso, con estes dous novos vestiarios, o campo de fútbol contará con catro espazos, dous para equipos locais e outros tantos para visitantes, ofrecerá maior comodidade porque os xogadores poderán cambiarse no propio campo, evitando ter que desprazarse a outros espazos, unha molestia que empeora en caso de choiva.

Para este proxecto, o Goberno destinará máis de 40.000 euros, con cargo ao Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra, que destina a Poio máis de 105.000 euros. O segundo proxecto que se inclúe neste plan extraordinario provincial é o primeiro circuíto de pump track de Poio, que se instalará nas inmediacións da Seca. Este espazo ampliará a oferta deportiva e de ocio ao aire libre no municipio, xa que poderase percorrer en bicicleta, patíns e monopatín.

De feito, segundo avanza Moldes, este proxecto xa se inclúe na xunta de goberno deste martes. “Estamos apostando por mellorar e ampliar as instalacións deportivas municipais”, engade, e recorda que desde o Goberno nestes meses xa se melloraron os problemas de condensación no pavillón de Lourido e ampliouse o horario do ximnasio municipal, actuacións ás que agora tamén se suman a creación de novos vestiarios na Seca ou dunha pista pump track, que está espertando grande intereses non só entre o clube ciclista e a escola municipal, senón tamén entre a rapazada.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio