Será este mércores, ás 11.30 horas, no Pazo Besada. Están convocados representantes da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Garda Civil, Policía Local, empresas locais e a empresa adxudicataria das obras.
O Concello de Poio convocou para este mércores, 10 de setembro, unha reunión de coordinación co obxectivo de consensuar a regulación do tráfico durante a execución das obras de humanización da estrada PO-308, no tramo comprendido entre A Barca e o Casal de Ferreirós.
A reunión terá lugar ás 11:30 horas no Pazo Besada e contará coa participación de técnicos municipais, responsables da empresa adxudicataria (COVSA), representantes do Concello de Pontevedra e da Xunta de Galicia, así como membros da Garda Civil, Policía Local e representantes das empresas locais Froiz, Comervía e Pescamar.
Segundo explicou o alcalde de Poio, Ángel Moldes, “o obxectivo é establecer un plan de coordinación que permita compatibilizar a execución das obras co mantemento da seguridade viaria, a fluidez do tráfico e a convivencia veciñal, reducindo ao mínimo as molestias tanto para a veciñanza como para os milleiros de usuarios diarios desta vía”.
O Concello de Poio adxudicou hai dúas semanas as obras da primeira fase da reurbanización da PO-308, que inclúe o treito que vai entre A Barca e o Casal de Ferreirós, á empresa COVSA. Un convenio asinado entre Concello e Xunta, cun investimento de 1,6M€ e prazo de execución de doce meses.
Os traballos terán como principais obxectivos recuperar o espazo público para as persoas, dando prioridade ao peón sobre o tráfico motorizado, favorecer a economía e o comercio local e crear espazos seguros e accesibles. Así, as actuacións inclúen a ampliación das beirarrúas cun ancho mínimo de 2,5 metros, inclusión de elementos de mellora da accesibilidade, mellora de todos os servizos e instalacións urbanas, elementos de acougado de tráfico, zonas novas asistenciais con mobiliario urbano, mellora na infraestrutura asociada ao transporte público, estreitamente e simplificación dos carrís de circulación e prazas para persoas con mobilidade reducida.