Poio converterase este venres na capital galega da música urbana co festival Senda do Mar

23/07/2025

Chimbala, estrela mundial do dembow será o cabeza de cartel, acompañado dos djs Juanjo García, Sote, Borja Solla, Yago Rivas e Arrow. A partir das 21.30 horas na Seca.

Poio converterase este venres, día 25, na capital galega da música urbana co festival Senda do Mar, un novo festival de acceso libre e gratuíto organizado polo Concello de Poio e que forma parte do ciclo oficial Concertos do Xacobeo 2025. Unha proposta que mestura talentos internacionais e locais, que converterán un espazo privilexiado como A Seca nun gran escenario para celebrar a música e a cultura ao ritmo das últimas tendencias musicais.

O cartel está encabezado polo artista internacional Chimbala, estrela mundial do dembow e a música urbana latina, que fará bailar ao público cun dos directos máis explosivos do panorama actual. Conta con máis de 1.000 millóns de streams en Spotify e chega a Poio para facer desta data algo histórico. Entre algúns dos seus temas máis coñecidos inclúense Abusadora, Che che, El Book ou Loco, colaboración que realizou xunto a Justin Quiles.

A súa actuación estará acompañada por unha destacada selección de djs que representan o mellor do panorama nacional e galego. É o caso de Juanjo García, un dos djs top nacionais, que vén de pinchar nos mellores festivas do país como RBF ou Medusa. Completan o cartel Borja Solla, un dos djs con máis proxección de Galicia, actuando xa en todo o territorio nacional; Yago Rivas, referente do xénero urbano galego; e Sote e Arrow, talentos locais que, no último caso, vén de participar no proxecto Poio Sesións impulsado polo Concello de Poio.

O festival arrincará ás 21.30 horas con Arroww e estenderase ata a madrugada, convertendo a noite do venres nunha auténtica festa para o público máis novo que vibra coa música urbana.

Con esta proposta, Poio reafírmase como un destino cultural e musical en pleno verán, converténdose nun referente en organización de eventos de calidade, con artistas de renome, nun entorno privilexiado e co compromiso firme coa igualdade, a cultura e o entretemento responsable. O Concello de Poio está ofrecendo este verán unha ampla programación cultural, lúdica e deportiva coa que está enchendo de vida as rúas, prazas, parques e praias, ofrecendo tempo de lecer e de ocio para todas as idades, ao mesmo tempo que se contribúe á dinamización socioeconómica do municipio.

HORARIOS DO FESTIVAL

21.30h. Arroww

22.30h. Sote

23.30h. Chimbala

00.30h. Borja Solla

01.30h. Yago Rivas

02.30h. Juanjo García

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio