Poio conta con 45 novas persoas con formación especializada sobre Tambo e Combarro

21/11/2024

O alcalde reafirma a vontade de Poio de consolidarse como un destino de calidade e sustentable, para o que é fundamental que profesionais e veciños teñan “os coñecementos e as ferramentas precisas para difundir e poñer en valor os nosos tesouros”.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Turismo, Rocío Cochón,asistiron esta mañá no Casal de Ferreirós á clausura do último curso de formación especializada e gratuíta sobre Turismo Patrimonial en Combarro e a Illa de Tambo ofrecido polo Concello de Poio, onde entregaron os diplomas acreditativos a quince alumnos e alumnas.

As persoas acreditadas hoxe forman parte da terceira e última sesión desta acción formativa, que se vén desenvolvendo desde o 14 de outubro en quendas de 15 persoas. Os asistentes, profesionais do turismo ou persoas con relación profesional cos dous enclaves, puideron afondar no patrimonio, na historia, na natureza e nos valores turísticos dos dous lugares, cun programa dinámico, práctico e participativo impartido por persoal experto, con clases teóricas e visitas didácticas á Illa de Tambo e ao casco histórico combarrés.

O alcalde celebrou que a raíz desta iniciativa “Poio poida contar, desde hoxe, con 45 novas persoas cos coñecementos e as ferramentas precisas para difundir e poñer en valor os nosos tesouros”, e recordou que un dos eixos da estratexia turística de Poio é consolidarse como un destino de calidade e sustentable, para o que este tipo de accións son fundamentais.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo Rocío Cochón agradeceu “o traballo duns excelentes formadores” e celebrou o enorme interese suscitado polos cursos, e destacou o impulso dado á capacitación e á divulgación desde o seu departamento durante o último ano. Nese sentido, recordou que á chegada do actual Goberno só había 15 persoas con formación especializada en Tambo, e mediante os cursos finalizados hoxe ese número multiplícase por catro: “Isto é clave, xa que Tambo só é accesible con visitas guiadas. A maior formación, mellor divulgación e máis coñecemento”.

Así mesmo, indicou que na etapa anterior o curso sobre Tambo era de seis horas en dúas xornadas, mentres que actualmente impártense 30 horas, con visitas a Tambo e Combarro, o que permite un coñecemento moito máis a fondo “para despois transmitirllo a todos os que nos visitan”.

Os cursos foron financiados polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar e o GALP Ría de Pontevedra, mediante unha subvención de 12.471 euros co obxecto de diversificar a economía das zonas costeiras, polo que non tiveron custo para o Concello de Poio. A partida incluíu tamén a edición de 1.000 novos trípticos sobre Combarro e a Illa de Tambo.

Tras entregar as credenciais, os representantes do Goberno local amosáronse moi satisfeitos do resultado desta acción, o que garante a súa continuidade no futuro: “Poio é un destino único, cheo á súa vez de lugares únicos e marabillosos, como Tambo e Combarro, un dos conxuntos históricos máis visitados de Galicia xunto a unha illa por descubrir. Pedra, natureza, mar e historia ollándose no corazón da ría de Pontevedra e das Rías Baixas”.

“Somos afortunados de contar con lugares como estes e agora, grazas a estes cursos, tamén temos a sorte de contar con moitas máis persoas que os coñecen, os valoran e contan coas ferramentas e a paixón para contarllo a todo o mundo”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio