Será o xoves, ás 12.30 horas no Casal de Ferreirós.
O Concello de Poio súmase aos actos para conmemorar o Día de Rosalía de Castro e da súa obra. A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, explica que este ano volven apostar pola proposta feita desde a fundación que fomenta e difunde o culto á memoria da escritora, para celebrar a data do seu nacemento co “Caldo de Gloria”, unha lectura colectiva da súa obra e a alborada de Rosalía. A homenaxe a Rosalía de Castro adiántase, no caso de Poio, a este xoves, día 20 de febreiro, ás 12.30 horas no Casal de Ferreirós.
O obxectivo, explica a edil Natalia Sabarís, é achegar á veciñanza a importancia da figura de Rosalía, a escritora galega máis universal. No Casal de Ferreirós farase a lectura colectiva do poema “Miña casiña meu lar”, na que participarán representantes da corporación así como de varios colectivos locais.
Tras a lectura, todas as persoas participantes poderán degustar unha cunca de “Caldo da Gloria”, unha iniciativa inspirada no poema, na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Este ano o restaurante La Nueva Parada será o encargado de elaborar ese “Caldo de Gloria”. E xa para rematar, a AC Vides Novas interpretará varias pezas musicais.