Poio conmemora as Letras Galegas poñendo en valor a figura de Xaime Illa, cun espectáculo infantil e homenaxe ás cantareiras

08/05/2025

Máis de 120 persoas participan no certame literario de relato curto e poesía.

O alcalde, Ángel Moldes, xunto coa presidenta da SCD Raxó, Carmen Portela, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, presentou a programación do Concello de Poio para conmemorar as Letras Galegas, unha programación “completa e para todas as idades”, sinalou, na que o concurso literario de relato curto e poesía Xaime Illa Couto volverá ter un protagonismo destacado.

Moldes animou a grandes e pequenos a sumarse á programación do 17 de maio. “Propostas como estas son importantes para impulsar, potenciar e recoñecer a riqueza e importancia da nosa lingua. Desde o Concello de Poio contamos cunha programación ampla e continuada ao longo de todo o ano para seguir fomentando o uso, interese e orgullo pola nosa lingua, pero tamén promocionamos o seu uso e apoiando a todas esas asociacións culturais locais que, como a SCD Raxó, contribúen a difundir e enxalzar a cultura galega”

A programación arranca o propio sábado 17, ás 17.00 horas no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, coa entrega dos premios. Un certame que contou coa participación de 120 traballos procedentes de lugares como Madrid, Ribadeo, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Xinzo de Limia, Marín, Betanzos, Nigrán, Teo e Poio. “Unha participación moi alta, de dentro e fóra do noso concello, que consolida e afianza este certame literario”, engadiu.

A continuación, inclúese a conferencia de Xosé Luis Pastoriza Rozas, doutor en filosofía e experto no legado e na figura de Xaime Isla. Apaixoado da educación transformadora e do empoderamento da mocidade, será un fantástico interlocutor para achegar a figura de Xaime Illa e a importancia do idioma á xente moza.

Este ano as Letras Galegas renden homenaxe á poesía popular oral, representadas polas cantareiras como grandes figuras na transmisión da cultura e lingua galegas. Así, Poio contará tamén coa actuación das pandereteiras do Ronsel, unha das agrupacións tradicionais que hai no municipio. Para rematar a xornada, a Escola de Música Tradicional de Poio interpretará o himno galego.

A programación continuará o domingo, tamén no CC Xaime Illa Couto, co espectáculo espectáculo A Maxia das Letras, a cargo do Mago Samuel. Trátase dun proxecto dirixido ao público infantil e adulto que combina maxia e creatividade para fomentar o amor polos libros e a lectura, destacando figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas. A partir das 18.30 horas e con entrada de balde. Conta coa colaboración do programa Ler conta Moito, da Xunta de Galicia.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio