Poio celebra mañá a festa familiar e pasarela de Entroido na carpa da Seca, e cambia o desfile de Campelo ao domingo

29/02/2024

O Entroido de Poio celébrase esta fin de semana. A programación para mañá venres mantense, coa festa familiar e a pasarela de Entroido na carpa instalada na Seca, mentres que o desfile principal de Entroido cambia de día polas previsións meteorolóxicas e finalmente se realizará este domingo, 3 de marzo, co mesmo horario e percorrido.

A primeira cita é mañá venres coa festa familiar de Entroido, coa actuación da Gran Barafunda Animación, que comeza a partir das 18.00 horas na carpa instalada na Seca. E xa ás 21.00 horas, no mesmo lugar, comezará a Pasarela coa exhibición de comparsas locais e convidadas, entrega de mencións especiais e animación musical coa discoteca móbil Dolce Vita.

O desfile de entroido celebrarase, polo tanto, o domingo, con saída desde a Biblioteca Municipal e remate do percorrido na Praza da Granxa, en Campelo. Alí será o fin de festa matinal con animación musical e entrega de premios aos mellores disfraces. Os participantes en categorías infantil e por parellas aínda están a tempo de participar no concurso, xa que poden anotarse o propio día, na contorna da biblioteca, entre as 9.30 e as 11.00 horas.

Este ano Poio introduciu novidades importantes na programación do Entroido, como o horario de mañá para o desfile ou un percorrido máis atractivo e cómodo, que facilitou que comparsas e grupos de toda a provincia se anotasen para participar no desfile. De feito, hai nove comparsas confirmadas para participar tanto na pasarela de Entroido do venres como no desfile do domingo, e ata quince grupos inscritos para participar no desfile.

Con respecto aos premios, repartiranse 4.450 euros e as categorías nas que se pode concursar son individual, parella ou grupo, tanto en infantil (ata 14 anos) como adultos (desde os 15 anos). No caso dos grupos, terán como mínimo tres participantes que deberán gardar unha unidade temática; poderán ir acompañados de carroza ou plataforma móbil. A estes premios que outorga o Concello de Poio hai que engadir o premio de 200 euros en vales que outorgará a asociación EnPoio ao disfrace máis elaborado durante o Desfile de Entroido.

Con respecto ao enterro do Galo Fodorico e a Festa Choqueira que estaba prevista para o sábado tamén se suspende, á espera de decidir unha nova data. Tamén se cancela este sábado a festa familiar de entroido organizada pola Asociación de Veciños de Campelo.

OPERATIVO ESPECIAL DE TRÁFICO

O domingo, con motivo do Desfile de Entroido entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa, o tráfico permanecerá pechado en todo o traxecto entre as 10.30 e as 15.00 horas. Quedarán cortados os accesos desde a PO-308 cara rúa Castelo, que se desviará cara o Camiño Real do Casal e só poderán acceder cara Campelo os participantes no entroido. Tamén haberá corte de rúa desde o Porto de Campelo cara a Rúa Padre Avelino e en Pedro Soto Couselo desde Camiño Zapateiro cara a Praza da Granxa.

Ademais, queda prohibido estacionar en todo o percorrido. Con todo, a véspera ao desfile quedará colocada a sinalización de restrición no percorrido. Tanto os residentes como visitantes poderán acceder pola rúa Anafáns ou por Lourido ata os estacionamentos disuasorios.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio