2023.
Ángel Moldes pon en valor o traballo do tecido asociativo do municipio para manter viva unha tradición tan importante.
Poio celebrará ata finais de novembro doce magostos que chegarán a todas as parroquias e lugares do municipio. Esta mañá o alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, mantiveron un encontro con algúns dos colectivos que impulsan estas citas para reiterarlle o apoio do Concello de Poio coa súa organización e puxeron en valor todo o traballo posto en marcha polo tecido asociativo do municipio para manter viva unha tradición tan arraigada. En total, o Concello de Poio estima que se repartirán preto de 900 quilogramos de castañas asadas.
Dentro do calendario dos magostos, que comezan mañá 31 de outubro e se desenvolverán ata finais de novembro, inclúese a celebración da Festa da Castaña de San Martiño, organizada pola Asociación Cultural Gaiteiro Manuel Villanueva. Será o venres 10 de novembro, ás 20.00 horas na Praza da Capela. Tamén ese mesmo día o Concello de Poio realizará o seu tradicional magosto na Casa Rosada, ás 17.30 horas, dirixido ás persoas maiores usuarias das actividades organizadas pola Concellería de Benestar e Igualdade.
Pero as castañas asadas xa se poderán degustar desde mañá nos moitos magostos que están programados polas diferentes asociacións locais. Sen ir máis lonxe, mañá martes 31 en Campelo celebrase o magosto impulsado pola asociación de veciños, ás 20.00 horas na Praza da Granxa. Xa o venres 3, será a quenda de Lourido, no Parque Costa Xiráldez ás 18.00 horas, organizado pola asociación veciñal.
Un día despois, o sábado 4, o magosto celebrarase en Raxó, no Centro Cultural Xaime Illa a partir das 19.00 horas, organizado pola Comisión de Festas, mentres que en Combarro a AC Ateneo Corredoira programou o magosto o domingo 5, ás 18.00 horas na Praza de San Roque.
Xa a fin de semana seguinte, o sábado 11 a SDC Samieira preparará o magosto no Espazo municipal Tarrío ás 18.00 horas. En San Salvador, Vilariño, A Seca e Chancelas os magostos serán o sábado 18. No caso de San Salvador, celebrarase no Adro da Igrexa, ás 20.00 horas, organizado pola AC Divino San Salvador. A Asociación de Veciños de Vilariño celebrará o seu magosto na rúa Vilariño de Abaixo ás 20.00 horas, mentres que a Asociación de Veciños Boureante organizará o Magosto da Seca na Reiboa ás 20.00 horas. En Chancelas o magosto está impulsado pola asociación de veciños, e será no Camiño Real ás 21.00 horas. Por último, o sábado 25 de novembro o magosto celebrarase ás 19.00 horas no espazo municipal do Sartal, organizado pola ACV Ronsel.