Ángel Moldes destaca “a implicación de todo o tecido asociativo local para manter viva unha tradición con moito arraigo no concello”.
Comeza a tempada de magostos en Poio. Desde esta fin de semana e ata finais de novembro, veciños e visitantes poderán gozar de dez celebracións repartidas por todas as parroquias do municipio, organizadas por colectivos locais coa colaboración do Concello de Poio.
O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, presentaron o calendario de magostos acompañados por representantes das entidades organizadoras. Durante o acto, destacaron “a implicación de todo o tecido asociativo local para manter viva unha tradición con moito arraigo no concello” e lembraron que o Concello conta cunha liña específica de axudas para apoiar a organización destas celebracións. Ademais, destacaron que “estas celebracións son, ademais, unha oportunidade para reunir a veciñanza e dinamizar a vida social das parroquias”.
En total, repartiranse preto de 1.000 quilos de castañas asadas ao longo das dez citas, abertas á participación da cidadanía. O calendario arrancará este venres, 30 de outubro, en Campelo, cun magosto organizado pola asociación de veciños a partir das 20.30 horas, coincidindo coa celebración do Samaín.
O tradicional magosto da Casa Rosada, promovido polo Concello e dirixido ás persoas maiores do municipio, celebrarase o venres 6 de novembro, ás 17.30 horas, nunha xornada que incluirá música e baile.
O sábado 7 de novembro haberá dobre cita. A primeira será en Combarro, na Rualeira, ás 18.00 horas, organizada polo Ateneo Corredoira. A segunda terá lugar en Raxó, no Centro Cultural Xaime Illa, ás 19.30 horas, da man da Comisión de Festas de Raxó.
A programación continuará o martes 10 de novembro co Magosto de San Martiño, organizado pola AC Laretas na Praza da Capela, a partir das 20.00 horas.
O sábado 14 será a quenda do Sartal, onde a ACV Ronsel organizará no espazo municipal o seu magosto ás 19.30 horas, e da Seca, cunha celebración promovida pola AV Boureante a partir das 20.00 horas.
Ao día seguinte, domingo 15 de novembro, a SCD de Samieira celebrará o seu magosto na Comunidade de Montes Río de Bois, ás 19.00 horas.
A asociación veciñal e cultural de Vilariño organizará o magosto na rúa Vilariño de Abaixo o sábado 21 de novembro, apartir das 20.00 horas.
Finalmente, a tempada de magostos pecharase o sábado 28 de novembro en San Salvador, cunha celebración organizada pola AC Viñas das Festas de San Salvador no adro da igrexa, a partir das 20.00 horas.