POIO CELEBRA A ENORME PEGADA DE TAMBO NA HISTORIA E COMPROMÉTESE A “SEGUIR PRESERVANDO E POÑENDO EN VALOR OS TESOUROS DA ILLA”

12/01/2024

2023.

A tenente de alcalde e concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, celebrou a enorme pegada de Tambo na historia e confirmou o compromiso do Goberno local para “seguir preservando e poñendo en valor os seus tesouros” de modo que a Illa se consolide como un referente cultural, natural e do Turismo sostible. Fíxoo na presentación do libro A Illa de Tambo na súa historia, dos autores Claudio Quintillán e Lino J. Pazos, a obra definitiva e máis completa sobre a Illa das mans de dúas das persoas que, con toda seguridade, máis a coñecen.

A publicación dá conta das diferentes etapas da illa ao longo dos séculos, desde as primeiras alusións documentadas no século X ata a situación actual de cesión ao Concello por parte do Ministerio de Defensa e, entre medias, os diferentes asentamentos relixiosos e de poboación, o lazareto ou o uso militar. Asemade, aporta numerosa documentación de cada época, ademais de datos sobre a xeografía, a fauna, a orografía, as tradicións e lendas e un torrente de información detallada sobre todos os aspectos da illa.

“É un libro ameno e á vez profundo; ten precisión científica e é, ao mesmo tempo, apaixoado; dános datas, nomes, documentos e fontes pero dun xeito que permite sentirnos partícipes da historia…”, subliñou Cochón, que agradeceu aos autores por compartir o seu coñecemento enciclopédico sobre a Illa pero tamén por traballar na súa posta en valor e conservación xunto a particulares, asociacións e colectivos.

Ademais de recoñecer a labor de investigación e divulgación dos autores, e os esforzos de particulares e colectivos por conservar a illa e recuperar o seu uso, a tenente de alcalde confirmou que desde o goberno local vaise seguir ofrecendo “traballo e xestión para seguir convertendo á illa nun referente cultural e natural único no mundo, que o será tamén do turismo sustentable”.

Proba deste enfoque son as algo máis de 4.000 persoas que levan visitado a illa desde o 1 de xuño, cunha media de 50 persoas por visita: “Traballaremos con todas as administracións, persoas e colectivos para facilitar o desfrute da illa, preservando, mellorando e poñendo en valor o seu legado pero sempre priorizando a sustentabilidade”, indicou.

Neste sentido, nos próximos meses o Concello aproveitará a baixada na frecuencia das visitas coa chegada do outono para avanzar na solicitude da declaración da Illa como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), así como no Plan de Usos, e na catalogación de bens culturais, sempre en colaboración coa Xunta -que xa ofreceu a súa axuda- e o resto de administracións. Ademais, continuarase coas labores de posta a punto, seguridade e vixiancia e traballando xunto aos colectivos “para descubrir todos os tesouros que nos ofrece a illa”.

Cochón destacou que a data elixida para a presentación, o 29 de setembro, San Miguel, é a do ‘patrón’ de Tambo e conleva unha especial significación na historia e tradicións do lugar: “Simboliza que do mesmo xeito que a Illa está no centro da ría, tamén o está da nosa identidade e do relato do que somos”.

A responsable de Urbanismo e Turismo tomou prestado un pasaxe do libro para invitar a todos, veciños e visitantes, a tomar exemplo dos mariñeiros de hai séculos, que fondeaban na illa para facer noite e arranxar os aparellos esperando que amainara o temporal: “Fagamos como eles e nestes momentos de tensión e desencontros paremos un pouco nesta illa protexida polo tempo a respirar, a reencontrarnos e a esperar a que escampe”.Pola súa banda, os autores agradeceron a colaboración do Concello porque supón reforzar o alto valor histórico, cultural, ambiental dese enclave dentro da xeografía da Ria de Pontevedra.

Claudio Quintillán é presidente da Irmandade Illa de Tambo, técnico superior en Xestión de Montes e Director do Instituto Galego das Terras Comunitarias. Unha figura moi relevante no activismo social e veciñal, ten ao seu nome numerosas colaboracións en prensa escrita e radio. Lino J. Pazos é escritor en galego e castelán con preto de 50 libros e máis de 300 artigos publicados. Ademais desta obra “a catro mans”, Pazos é autor tamén do primeiro libro sobre a illa, “Recordando a Thalavo”, editado pola Deputación de Pontevedra en 1996. 27 anos despois, con esta obra conxunta, ofrecen a obra máis completa sobre este enclave único.

Para eles, “A Illa de Tambo na súa Historia é unha forma diferente de entrar ca súa lectura nese territorio, porque o que pretendemos e transportar o lector de forma física a aqueles lugares que figuran nos seus textos, tendo para elo un importante apoio fotográfico recente, como se se tratase dunha visita guiada.” Logo da presentación, á que asistiron tamén numerosos veciños e representantes de asociacións e colectivos, os asistentes puideron desfrutar dun breve percorrido pola Illa coas indicacións duns guías de excepción, os propios autores As visitas regulares a Tambo continuarán realizándose durante as próximas semanas en grupos limitados, acompañados por guía e accedendo polo peirao.

A duración da visita oscila entre 2,5 e 3 horas e inclúe a realización dunha ruta guiada de uns 2 km polos puntos de especial interese de Tambo. Cada visitante precisa unha autorización de acceso, expedida gratuitamente polo Concello, e billete dunha das navieiras que realizan a viaxe desde o Porto de Combarro. Tamén é posible solicitar autorización como asociación ou colectivo para organizar visitas conxuntas.

Os interesados poden atopar toda a información, consultar dispoñibilidade, solicitar a pertinente autorización e realizar a reserva na web

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio