Poio avanza no plan de mantemento e renovación dos parques infantís do municipio

28/07/2025

Esta semana concluíron as melloras na área infantil de Anafáns. Actualmente estanse a realizar traballos na Caeira e xa están en proxecto as remodelacións integrais dos parques de Ánkar e Lourido, así como a creación dunha pista multideporte en Vilariño.

O Concello de Poio concluíu esta semana as labores de mellora e mantemento do parque infantil de Anafáns, en San Salvador, unha actuación que se engloba nun plan máis ambicioso posto en marcha polo Goberno local e que inclúe a posta a punto, remodelación e creación de novas áreas infantís en todo o municipio.

O alcalde, Ángel Moldes, comprobou o remate das actuacións, realizadas por unha empresa local, e que consistiron en reparar todos os xogos e substituír as pezas rotas, a instalación dunha nova rampa tipo rocódromo e adecuouse todo o valado de seguridade do parque, tanto o de madeira como de aceiro. Ademais, instalouse un cartel informativo cumprindo así a normativa obrigatoria.

O alcalde, Ángel Moldes, destaca que “queremos que os nosos nenos e nenas teñan espazos de xogo preto dos seus fogares, pero sobre todo, que estes lugares nos que divertirse e socializar sexan completamente seguros”.

Este plan municipal de mantemento e remodelación dos parques infantís inclúe tamén o da Caeira, no que actualmente xa se está traballando, así como os de Combarro, Chancelas e A Seca, nos que xa se actuou nos últimos meses. A maiores, xa están en proxecto tamén as remodelacións integrais dos parques de Ánkar e de Lourido, así como a creación dunha área multideporte nova en Vilariño.

“Poio conta cunha poboación infantil moi importante, cada tres meses estamos repartindo entre quince e vinte caixas benvidas aos novos nacementos, e por iso temos moi presente a importancia de traballar para seguir impulsando servizos e infraestruturas que melloren a calidade de vida das familias, convertendo Poio nun lugar cómodo, moderno, atractivo e con oportunidades”, engade.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio