POIO AUMENTA OS SEUS SENDEIROS AZUIS COA INCLUSIÓN NO LISTADA DA VARIANTE ESPEIRITUAL DO CAMIÑO PORTUGUÉS

12/01/2024

2023.

O concello de Poio contará por primeira vez neste 2023 con dous Sendeiros Azuis. Así o confirma o alcalde, Luciano Sobral, que informa de que ao distintivo acadado en 2022 para o paseo litoral entre A Seca e Lourido súmase nesta ocasión o tramo da Variante Espiritual do Camiño Portugués, cuxa primeira etapa pasa polo municipio poiense, ata chegar ao Mosteiro da Armenteira (Meis). Este selo de calidade é outorgado cada ano pola Asociaicón de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac), a través do cal recoñécense os recursos naturais, ambientais e de lecer que presentan este tipo de espazos ao aire libre. O rexedor participará o vindeiro 24 de febreiro no acto de entrega das bandeiras, que terá lugar en Santiago de Compostela.

Como non podía ser doutro xeito, o alcalde Sobral amosou a súa satisfacción polo incremento de número de Sendeiros Azuis experimentado no municipio. “Sen dúbida supoñen un plus importante para dous espazos moi emblemáticos de Poio, que non só son un punto de encontro habitual para a nosa veciñanza, senón que tamén son un reclamo moi importante á hora de atraer a visitantes á nosa vila”, indica o líder do equipo de Goberno, que precisamente estes días pasou revista ao tramo da Variante Espiritual ao seu paso por Poio. Hai que lembrar que a primeira etapa da devandita variante parte desde o lugar de Fragamoreira, no límite co concello de Pontevedra, e chega ata o Mosteiro da Armenteira. Durante preto de 20 quilómetros os e as camiñantes poden gozar dalgunhas das paraxes máis emblemáticas da ría de Pontevedra, como son a contorna do Mosteiro de San Xoán, o Parque da Memoria da Seca (deseñado polo gañador do Nobel da Paz e Fillo Adoptivo de Poio Adolfo Pérez Esquivel) ou o Casco Histórico de Combarro. Desde alí, a senda continúa, subindo por Xuviño, ata o límite con Meis, pasando pola Ruta dos Miradoiros, na que existen varios emprazamentos desde os cales se poden gozar dalgunhas das vistas máis espectaculares da ría de Pontevedra.


A Variante Espiritual atrae cada ano a un gran número de peregrinos e peregrinas, chegados de diferentes puntos da xeografía española e tamén doutros países. Luciano Sobral entende que a distinción co Sendeiro Azul pode supoñer tamén “unha maior visibilidade para esta senda, que ten un enorme potencial, para a cidadanía en xeral”.

Non menos coñecido é o paseo que vai desde A Seca, concretamente desde o Parque da Memoria, ata Lourido. Un paseo circular de máis de 5.000 metros que axuda a vertebrar o tránsito peonil entre estes dous puntos e que permite gozar de espazos emblemáticos como a contorna do peirao de Campelo, a área recreativa da Reiboa ou a senda da Ostreira. Estas bandeiras serán izadas ao comezo da tempada estival, tal e como confirma o alcalde Sobral.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio