Informadores turísticos municipais atenderán aos visitantes na praza de Chousa durante a Festa do Mar, “un escaparate inmellorable para achegar Poio ao mundo”, recorda a responsable Rocío Cochón.
A concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, cifrou nun 87% a ocupación turística durante a primeira quincena de agosto, segundo a información recollida en máis de 40 establecementos de todo o concello.
Uns datos “moi positivos”, para a responsable municipal, que destacou tamén que a ocupación superou o 80% en todas as parroquias, con máis dun 90% en San Salvador e Combarro e un 95% en Raxó: “Un indicador claro da fortaleza do sector en todo o concello”.
Ademais, as oficinas de información turística municipais atenderon a máis de 2.000 visitantes durante a primeira metade do mes, dos que a gran maioría (95%) foron de procedencia nacional, principalmente de Madrid, Andalucía e Cataluña. Os visitantes estranxeiros, maioritariamente, chegaron procedentes de Francia, Italia e Alemaña, cunha importante cantidade de peregrinos que seguen, tamén en verán, percorrendo as variantes Espiritual e Padre Sarmiento do Camiño de Santiago.
Así mesmo, Cochón volveu destacar os datos de turismo náutico rexistrados no Porto Deportivo de Combarro, que colgou o cartel de ‘completo’ durante a primeira quincena do mes, cun 100% dos amarres ocupados con embarcacións de todo o mundo.
Nese sentido, Cochón recordou que a Festa do Mar inaugurada este xoves representa “un escaparate inmellorable para achegar Poio ao mundo”, posto que durante catro días, Combarro -cuxo casco histórico é o segundo destino máis visitado de Galicia despois da Catedral de Santiago- amosa “a nosa esencia mariñeira”, con actuacións musicais, exposicións de cultura mariñeira, exhibicións e regatas de embarcacións tradicionais, así como “a mellor oferta gastronómica”, ofrecida polos establecementos de hostalería combarreses.
Cochón recordou que durante esta festa e ata o domingo 25, a oficina de información turística da Escola do Campo pasa a instalarse na Praza de Chousa, onde informadores municipais prestarán atención personalizada aos miles de turistas que se achegarán estes días á vila. Agradeceu “o esforzo que están a facer estes profesionais, xa que grazas a eles, os que nos visitan teñen aínda máis motivos para desfrutar da súa estancia e repetir”.