Poio apraza para o sábado 24 o desfile de entroido ante a previsión de choivas fortes

09/02/2024

Poio apraza para o sábado 24 o desfile de Entroido previsto para este domingo pola mañá, ante a previsión meteorolóxica que sinala choivas fortes durante toda a xornada. A concellería de Cultura xa consensuou coas comparsas e grupos locais a nova data, que coa que se intenta favorecer a participación de todas elas no entroido de Poio e sen prexudicar a súa presencia nos desfiles que se organizan noutros concellos limítrofes.

Este ano Poio introduciu novidades importantes na programación do Entroido, como o horario de mañá ou un percorrido máis atractivo e cómodo, que facilitou que comparsas e grupos de toda a provincia se anotasen para participar no desfile que estaba previsto para o domingo. De feito, entre as dez comparsas que estaban previstas e os grupos inscritos para o concurso, superábanse o milleiro de persoas.

Con todo, desde a concellería traballan para que este cambio de data prexudique o menos posible á participación de comparsas, grupos, parellas e individuais no desfile de Poio, consciente de que son moitos concellos os que están reprogramando toda a súa actividade por causa das choivas.

O desfile o sábado 24 mantén a hora, con saída ás 12.00 horas, e percorrido, entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa de Campelo, onde rematarán con música e entrega de premios. O mesmo día pódense anotar as persoas que queiran participar no concurso nas categorías individuais e por parellas. Con respecto aos premios, repartiranse 4.450 euros e as categorías nas que se pode concursar son individual, parella ou grupo, tanto en infantil (ata 14 anos) como adultos (desde os 15 anos). No caso dos grupos, terán como mínimo tres participantes que deberán gardar unha unidade temática; poderán ir acompañados de carroza ou plataforma móbil.

O resto da programación do Entroido de Poio mantense, tanto os bailes infantís que se están organizando en todas as parroquias en colaboración con diferentes entidades e colectivos, como os catro enterros que ten Poio, así como a festa de Entroido o venres 23 e que inclúe animación infantil desde as 18.00 horas para rematar cunha pasarela de comparsas e música a partir das 21.00 horas.

Así pois, adiado o desfile deste domingo, a primeira cita do Entroido en Poio será o martes 13, na festa familiar que o Ateneo Corredoira organiza na Comunidade de Montes de Combarro, con Moura Animación e animación musical a partir das 17.00 horas. O mércores 14, ás 20.30 horas, enterrarase o Mexillón, cun percorrido fúnebre acompañado das comparsas locais desde o porto da Canteira ata a Praza da Chousa, en Combarro.

Xa o domingo 18, o entroido trasládase a Lourido, onde a Asociación de Veciños organiza unha xornada que comezará ás 17.00 horas cunha festa familiar na que non faltarán o chocolate con curros, e ás 19.00 horas será o enterro do Berberecho. A comitiva fúnebre fará un percorrido arredor do parque Costa Xiráldez, acompañada das comparsas locais.

O enterro do Galo Fodorico, emblema do entroido de Poio, será o sábado 24 e coa colaboración da ACV Ronsel. O cortexo fúnebre sairá ás 21.00 horas desde a rotonda ata a Praza do Mosteiro, onde será incinerado en presencia das comparsas locais. Posteriormente celebrarase a Festa Choqueira, coa actuación do Trío Arena, tamén na Praza do Mosteiro.

A festa familiar de entroido en Campelo celebrarase o sábado 2 de marzo, coa peque disco de Barafunda Animación. ÁS 17.00 horas no Espazo Municipal e organizado pola asociación de veciños. Unha semana despois, o sábado 9, Samieira acollerá o desfile e enterro do Galo Bruxo, con percorrido entre a Praza Amalita ata a Casa do Pobo en Río de Bois. A partir das 17.30 horas, organizado pola Asociación Cultural e Deportiva de Samieira.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio