POIO APOSTA POR UN NADAL CON PERSONALIDADE PROPIA, PARTICIPATIVO E CON CONTIDO EN TODAS AS PARROQUIAS

13/01/2024

2023.

Crearán Aldeas de Nadal, con decorados, iluminación e programación para nenos e maiores: “Non queremos entrar nunha competición de bombillas, queremos dotar de vida a lugares emblemáticos do noso concello”.

Alumnado dos centros escolares participarán na decoración dos elementos das diferentes aldeas.

As Aldeas de Nadal, que se inaugurarán o 2 de decembro, inclúen decorados, alumeado e actividades específicas e itinerantes en cada unha delas ao longo das festas. Situaranse na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, en Raxó (pendente de decidir o lugar por motivo das obras), na Praza da Granxa de Campelo e na Contorna da Igrexa de San Martiño. Ademais, habilitarase un tren turístico para poder facer o percorrido e visitar todas as Aldeas do Nadal de Poio. 

O Concello de Poio aposta este ano por un Nadal diferente, moi participativo, con contido e que dea vida ao lugares emblemáticos e representativos do concello. Será a través das Aldeas de Nadal, unha iniciativa do novo Goberno de Ángel Moldes para ofrecer unhas festas con personalidade propia. Un proxecto para o Nadal de Poio que, indica, “está moi madurado, planificado e pensado para devolver a ilusión por estas festas, ao tempo que se dinamiza o comercio e a hostalaría cun concello máis atractivo para veciños e visitantes”. 

“Non queremos entrar nunha competición por ver quen coloca máis bombillas. Queremos ofrecer aos nosos veciños e visitantes algo máis, apostamos por un contido diferente. Unhas aldeas que se converterán en punto de encontro durante o Nadal para nenos e maiores, con actividades e programación para todos”. Ademais, desde o 22 de decembro tamén se colocará na Seca unha carpa con propostas lúdicas e zona de xogos.

Moldes destaca que “Poio ten ubicacións extraordinarias, como por exemplo os Muíños de Samieira, Combarro ou o parque de Lourido, no que a diferencia doutros lugares, nós xa temos lago, ponte e patos… Son lugares emblemáticos nos que cunha decoración ben feita e con criterio podemos recrear espazos moi especiais para celebrar unhas festas tan entrañables para as familias”. 

UN NADAL MOI PARTICIPATIVO

Pero ademais de ser un Nadal especial, con contido e que abarca todas as parroquias, Ángel Moldes apunta que tamén queren que sexa o máis participativo posible. “Queremos contar coas asociacións, cos colectivos… queremos que este sexa o Nadal de todos e para todos”. Así, como exemplo, explica que os decorados das Aldeas de Nadal estarán elaborados por carpinteiros locais, pero pintadas e adornadas polo alumnado dos colexios de Poio. “Eles serán unha parte fundamental das nosas Aldeas de Nadal”, engade, ao tempo que agradece a colaboración dos propios centros escolares nesta tarefa.

A programación completa das Aldeas de Nadal de Poio darase a coñecer nas vindeiras semanas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio