Poio activa o plan de desbroces de outono e inverno para a limpeza de camiños, cunetas e áreas verdes

03/10/2024

Estes traballos realízanse durante todo o ano e contan cunhas das principais partidas do orzamento municipal, que destina máis de 600.000 euros anuais para limpeza, desbroces e xardinería.

Rematada a tempada estival, o Concello de Poio activa o plan de desbroces e limpeza para o outono e inverno, uns traballos que neste municipio se realizan durante todo o ano e que conta cunhas das principais partidas do orzamento municipal, que destina máis de 600.000 euros anuais para limpeza, desbroces e xardinería.

O alcalde Ángel Moldes explica que en Poio os desbroces e a limpeza non se deteñen: “A vexetación crece rapidamente en época de choiva e temperaturas cálidas, como poden ser a primavera e o verán, pero tamén é fundamental facer un mantemento regular deste servizo durante os meses de outono e inverno para garantir a seguridade e mellorar a mobilidade en todo o municipio”. Neste senso, recorda que Poio conta cunha dispersión territorial moi ampla, con moitas zonas rurais e camiños secundarios que son utilizados de xeito habitual pola veciñanza, e por iso faise necesario ter un plan de limpeza adecuado durante todo o ano.

Este plan de actuación chega a todos os viais, camiños, cunetas, zonas verdes, sendas, paseos, prazas… que hai no municipio. Así, nas últimas dúas semanas estiveron traballando polas rúas da Caeira, tamén en San Salvador, Campelo, Anafáns, Raxó, Combarro, A Seara, Samieira…. “Somos conscientes de que é un servizo esencial, e traballamos coordinados para intentar chegar a todos os lugares coa maior axilidade posible. O seguimento é continuo e todas as zonas están perfectamente detectadas”, engade Moldes.

Con todo, recoñece que aínda que contan cun plan de actuación e traballan de xeito coordinados, é complicado chegar a todos os lugares ao mesmo tempo, condicionados por esa dispersión territorial que hai en Poio. “Sabemos que é un servizo esencial e por iso é tamén unha prioridade para este Goberno. Toda a veciñanza pode ter a tranquilidade que neste plan de actuación están incluídas todas as zonas do municipio”.

Na actualidade en Poio ocúpanse destes traballos a propia adxudicataria do contrato de desbroce, que se complementan con accións doutras empresas locais que actúan nas zonas de San Salvador, nos colexios e en Raxó, Samieira e outros traballos máis específicos para completar os lugares ata onde non chega a adxudicataria. A maiores, tamén se inclúe a actividade desenvolta pola Fundación Juan XXIII, que acondiciona as zonas de Ánkar, Lourido e A Reiboa. E todo isto, reforzado cunha brigada de operarios municipais. Nas zonas urbanas, é a propia empresa de limpeza a que realiza os traballos de desbroce, mentres que a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia fanse cargo nas vías que son da súa competencia.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio