“Costa Azul” ten carácter nacional, e estará relacionado coa protección do medio ambiente e a limpeza da contorna mariña.
Poio acollerá este verán un dos seis novos campos de voluntariado que a Xunta de Galicia incorpora á súa programación “O teu mellor verán”, que presentou esta mesma mañá.
Así, entre o 20 e o 31 de xullo desenvolverase no municipio “Costa Azul”, un campo medioambiental e mariño destinado para mozos de entre 18 e 30 anos. Esta proposta xirará en torno á limpeza do litoral mariño por terra e mar, en lugares como Lourido, Combarro, Illa de Tambo, Chancelas… e porá en valor a importancia da man do ser humano na conservación e coidado do medio natural, especialmente mariño.
O primeiro campo de voluntariado que se organiza en Poio contará con quince prazas, e as persoas interesadas poderán solicitalas entre o 17 e o 30 de abril na web xuventude.xunta.es. Posteriormente, abrirase unha segunda quenda de inscrición para todos os campos de traballo de Galicia coas prazas libres en cada un deles.