Poio acolle veciños e veciñas de 52 nacionalidades distintas, un reflexo dun concello aberto e plural

12/08/2025

Destacan que esta diversidade cultural supón unha oportunidade e un gran valor para fortalecer o tecido socioeconómico do municipio.

O Concello de Poio segue a consolidarse como un referente de diversidade e integración. Segundo os datos do padrón municipal, actualmente conviven no municipio veciños e veciñas de ata 52 nacionalidades diferentes, o que supón unha mostra clara do carácter acolledor e plural do concello.

A día de hoxe, Poio conta cun total de 17.443 persoas empadroadas, das cales 745 son de orixe estranxeira, representando así o 4,2 % da poboación total. Esta realidade reflíctese tamén a nivel familiar: 432 fogares teñen alomenos un dos seus membros procedente doutro país.

A nacionalidade máis numerosa en Poio é a colombiana (116 persoas), seguida de Venezuela (106), Brasil (57), Italia e Marruecos (48 cada unha) e Portugal (46). Tamén hai moitas nacionalidades das que só hai un habitante en Poio, como por exemplo Singapur, Turquía, Burundi, Palestina, Túnez, Filipinas, Suíza, China, Letonia, Líbano, Guinea, Lituania, Canadá, Eslovenia, Madagascar ou Australia. En canto ao perfil, das 745 persoas estranxeiras empadroadas en Poio, 401 son mulleres e 344 homes.

Desde o Concello de Poio destacan que esta diversidade cultural tan importante supón unha oportunidade e un gran valor para fortalecer o tecido socioeconómico do municipio, creando un concello máis aberto, plural e cohesionado. “Poio é un concello inclusivo, acolledor e integrador, traballamos para que todas as persoas, con independencia da súa procedencia, poidan participar activamente na vida social, económica e cultural do noso municipio”, sinala o alcalde, Ángel Moldes. Nesta liña, asegura que “supón unha ledicia comprobar como familias de fóra do noso concello, sexan españolas ou doutra nacionalidade, elixen Poio para establecer os seus fogares e os seus proxectos de futuro”.

Recorda que Poio está no seu mellor momento, é un concello que está crecendo, máis vivo, atractivo e con maiores oportunidades, e cada un dos veciños e veciñas son fundamentais para conseguilo.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio