Poio acolle esta fin de semana a fase de ascenso a 1ª nacional de balonmán

07/05/2024

Catro equipos, incluído o Poio Artai, xóganse o ascenso entre o venres e domingo no pavillón da Seca.

Poio acolle entre o venres 10 e o domingo 12 de maio a fase de ascenso a 1ª categoría nacional, coa participación de catro equipos, entre eles o local Poio Artai. Os partidos disputaranse no pavillón da Seca, e as entradas xa se poden adquirir a través de entradium.com.

A primeira xornada xogaranse os partidos entre a Unión Financiera B e Ciudad de Villafrancha, ás 19.00 horas, mentres que os anfitrións xogarán ás 21.00 horas contra o Pan Moguer.

O sábado o primeiro partido disputarase ás 17.00 horas, entre Unión Financeira B e Pan Moguer, mentres que Poio Artai e BM Ciudad de Villafranca enfrontaranse ás 19.00 horas. A última xornada, o domingo, os partidos serán ás 10.30 horas, entre Pan Moguer e Ciudad de Villafranca, para rematar ás 12.30 entre Poio Artai e Unión Financiera B.

Esta mañá o alcalde, Ángel Moldes, e o concelleiro de Deportes de Poio, Tucho Muíños, participaron na presentación, xunto coa presidenta e vicepresidente do Poio Artai, Ángeles Torres e David Barcero, así como do presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, da deputada provincial de Deportes, Luisa Sánchez, e do xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.

Moldes convidou a todos os veciños e visitantes a achegarse ao pavillón da Seca esta fin de semana e indicou que, ademais, haberá moitas actividades paralelas organizadas polo club. O alcalde agradeceu a colaboración de todas as administracións, Federación, Xunta e Deputación, porque “demostramos como se deben facer as cousas, traballamos en equipo, presentamos a candidatura para que Poio puidese albergar esta fase de ascenso e conseguímolo”, engadiu. Ademais, recoñeceu que para o concello é importante, “tanto polos valores que transmite o deporte como por contribuír a desestacionalizar o turismo. Por iso, seguiremos apostando por este tipo de iniciativas”.

Por último, puxo en valor “a grande tempada” que fixo o Poio Artai. “Esta fase de ascenso é moi importante, estamos falando dun clube con 26 anos de historia, referente no noso concello e xogaron unha liga con moi bos resultados. Agora esperamos culminar con esta fase final o ascenso”.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, recoñeceu que o Poio Artai é un dos favoritos para facerse con esta fase de ascenso. Con todo, indicou, “é moi importante comezar con bo pé para que o ascenso se consolide” e por iso convidou a encher as gradas xa o venres. “Poio Artai é un club histórico do balonmán galego, nos seus equipos xogaron moitos deportistas que despois chegaron á elite e esta é unha oportunidade para recuperar ese espazo que tiveron no pasado”, concluíu.

Tamén desde a Xunta e Deputación, Daniel Benavides e Luisa Sánchez, destacaron a oportunidade de que Poio sexa a sede desta fase de ascenso e amósaronse confiados en que o club local, o Poio Artai, coa grande tempada que realizou ten moi próximo o ascenso.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio