As peticións pódense presentar no rexistro do Concello de Poio ou a través da Sede Electrónica ata o venres 20 de xuño. As solicitudes de San Pedro comunicaranse do 23 ao 27 de xuño.
Desde este xoves, 12 de xuño, os particulares e locais de hostalería que queiran prender unha cacharela ou facer unha grellada polo San Xoán, na noite do 23 ao 24 deste mes, xa poden solicitar os seus permisos. A comunicación será preferentemente mediante instancia a través da Sede electrónica do Concello, ou no seu defecto, mediante instancia presentada presencialmente no Rexistro Xeral do Concello.
As comunicacións farán referencia a grelladas nas zonas interiores dos locais que cumpran as medidas óptimas para tal obxecto, e ás fogueiras en espazos privados e públicos nos areais das praias de Sinás, Raxó, Laño, Ouriceira, O Padrón, Campelo (porto) e Lourido, que cumpran todas as normas indicadas.
No caso das fogueiras de San Xoán, o prazo para presentar as solicitudes remata o venres día 20. Para as fogueiras e grelladas de San Pedro, o prazo para facer as comunicacións irán do 23 ao 27 deste mes.
A persoa solicitante será a responsable de cumprir estritamente todas e cada unha das condicións e as normas de seguridade, entre as que se inclúen a prohibición de ubicar un asador en zonas públicas; o volume do combustible da fogueira non sobrepasará os 8 metros de perímetro e os 3 metros de altura; a separación entre os edificios e árbores será como mínimo de 4 metros para as grelladas de de 12 m para as fogueiras; terase especial coidado de non situar as barbacoas e as fogueiras baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables. Asemade, teranse en conta inclemencias metereolóxicas como a aparición de vento á hora do prendido e mantemento da grelladas ou fogueira, prestando especial atención ás lascas producidas. Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites, etc, e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico; e en ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros; e deberase ter un punto de auga ou extintor próximos para proceder ao seu apagado ante calquera emerxencia. Por último, todo deberá quedar completamente recollido e limpo o luns, 24 de xuño, antes das 10.00 horas.
DESCARGA AS SOLICITUDES
Instancia para as grelladas de San Xoán
Instancia para as grelladas de San Xoán, hostalería