Mañá inaugúrase a carpa Poio Máxico, con obradoiros, xogos e actividades para todas as idades. Preséntase unha fin de semana cargada de propostas lúdicas, tanto na carpa como nas Aldeas de Nadal situadas nas diferentes parroquias e lugares do municipio. Papá Noel percorrerá todas as parroquias os días 23 e 24.
O mago Pedro Volta traerá a Poio o seu espectáculo Magic Space, a maxia das estrelas. Será o mércores 25, día de Nadal, na carpa Poio Máxico, ás 18.00 horsa con entrada de balde.
O mago Pedro Volta, que participou en programas televisivos como Got Talent, presentará a súa nova proposta coa que sorprenderá ao público con insólitos e modernos efectos de maxia, entre os que amosará un artefacto inspirado na Nasa colgado dun guindastre. Con el vai simular algún dos adestramentos dos astronautas antes de partir cara o espacio.
A súa habilidade para comunicar e presentar os seus actos cun enfoque innovador e creativo, deixa á audiencia marabillada, persuadida de que a maxia verdadeira pode existir. Destaca non só pola súa destreza técnica, senón tamén pola súa capacidade para evocar emocións profundas.
Xunto á concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, e de Festexos, Fran Dasilva, Volta visitou esta mañá a carpa Poio Máxico para convidar a veciños e visitantes “a disfrutar dun día de Nadal ilusionante” co seu show.
INAUGURACIÓN DA CARPA POIO MÁXICO
Precisamente, mañá sábado inaugúrase na Seca a carpa Poio Máxico, un espazo destinado para toda a familia que ofrece obradoiros, xogos, actuacións e actividades durante todas as tardes ata o 6 de xaneiro, entre as 16.30 e as 20.30 horas e con entrada de balde.
En Poio Máxico inclúense propostas organizadas para todas as idades, desde áreas de xogos de 0-3 anos, ata talleres diarios de manualidades, inchables, zona xuvenil con mesa de ping pong e espazo de videoxogos, así como unha área de lactancia. “É un espazo deseñado para as familias, e con propostas de entretemento para todas as idades, desde o máis pequenos ata os adolescentes”, sinala a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís.
Ademais de xogos, obradoiros e actividades, polo escenario da carpa Poio Máxico pasarán grandes propostas este Nadal. Ademais de Pedro Volta, mañá mesmo pola tarde inclúese o espectáculo de teatro “Aldea musical de Nadal”, de Nelson Quinteiro, e o concerto final do programa de música emerxente Poio Sesións, ás 18.00 e 20.00 horas, respectivamente. Pero na programación do Nadal tamén se inclúen outras propostas para estes días, como a recepción a Papá Noel o 24 de decembro, a Gala do Circo con Rudi Rudi, o xogo de maxia do Mago Paco, os Cantajuegos co seu espectáculo Tallarín, un mundo mágico, entre outros.
A carpa Poio Máxico é unha proposta máis de todas as que a programación do Nadal de Poio inclúe para esta fin de semana nas diferentes aldeas situadas por todas as parroquias e lugares do municipio. Mañá sábado, a animación na rúa estará na Aldea das Palleiras, na Praza da Chousa, ás 17.30 horas co pasarrúas, exhibición e obradoiro de maquillaxe de Nadal Bule Bar coa comparsa 100Tolos. Tamén en Combarro, o domingo pola mañá, ás 12.30 horas, chegará o espectáculo Bulelandia, con Tere e Javi Solla Animación e a batucada dos Queimatasas. Pola tarde, o lugar de encontro será en San Martiño, onde a Asociación de Mulleres Rurais Santa Trahamunda organiza o seu Belén Vivente (18.00 horas), coas actuacións da Escola de Acordeóns de Campelo e das pandereteiras do Ronsel.
Xa o luns, 23, o espectáculo Bulelandia chegará ata a Aldea da Vila, no Porto de Raxó, tamén coa animación de Javi Solla e Tere. A partir das 17.30 horas.
PAPÁ NOEL EN TODAS AS PARROQUIAS
Ademais, tamén está programada a visita de Papá Noel a todas as parroquias e lugares de Poio entre o luns e martes. O luns 23, sairá ás 16.00 horas do Casal de Ferreirós para visitar as sete aldeas de Nadal de Poio (Adro de San Salvador, Lourido, Campelo, San Martiño, Samieira, Raxó e Combarro) para rematar na Praza da Chousa, aproximadamente ás 19.30 horas. Alí poderase visitar na casa de Papá Noel que este ano se incluíu na decoración da Aldea das Palleiras, onde pequenos e maiores poderán compartir con el os seus desexos para este Nadal.
Xa o martes 24, continuará o seu percorrido desde as 11.00 horas pola Praza do Mosteiro, O Muíño, Fragamoreira, Vilariño, A Escusa, Río Mouro, Sartal, Arís, Vilar, Armada, Esperón, O Pereiro, Liñares, Albar e rematará na Casa do Concello. Os horarios aproximados poderanse consultar nas redes sociais do Concello de Poio. Tras todo este percorrido, a recepción a Papá Noel será entre as 17.00 e as 19.00 horas na carpa Poio Máxico.