Ángel Moldes: «foron días de moita alegría e cun ambiente extraordinario que volveron demostrar que San Xoán é unha festa que representa o noso orgullo, as nosas raíces e a nosa identidade como pobo».
O Concello de Poio pecha un San Xoán «inesquecible», marcado pola participación histórica, o reparto récord de 2.000 racións na tradicional sardiñada, a incorporación do espectáculo de lume como novidade na noite máis máxica do ano e un desenvolvemento das celebracións sen incidencias graves. Ao longo de seis días, a programación reuniu 35 actividades para todos os públicos, coa actuación de varias das orquestras máis recoñecidas do circuíto festivo nacional, e consolidou esta edición como unha das máis multitudinarias e participativas dos últimos anos
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, fai un balance «moi positivo» e asegura que «foron días de moita alegría, cunha participación histórica e un ambiente extraordinario que volveron demostrar que San Xoán é unha das celebracións máis queridas e especiais do noso concello. É unha festa que representa o noso orgullo, as nosas raíces e a nosa identidade como pobo».
As festas arrancaron co pregón de Juan Mariño, os premios aos mellores deportistas e clubs da tempada e a verbena no Campillo, que congregaron a numeroso público no inicio da programación. A noite de San Xoán volveu converter A Seca no epicentro da celebración. Entre os momentos máis destacados figura a sardiñada popular, que acadou unha cifra histórica co reparto de máis de 2.000 racións.
Como novidade desta edición, o espectáculo de lume previo ao acendido da fogueira tivo unha excelente acollida. As actuacións das orquestras Panorama e Marbella volveron encher o recinto festivo o xoves, mentres que a xornada do venres, coincidindo coa tirada de fogos artificiais e as verbenas das orquestras Kubo e Capitol, foi a que rexistrou a maior asistencia de público de toda a programación.
A festividade de San Xoán viviu tamén unha edición histórica desde o punto de vista institucional coa presenza, por primeira vez, do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nos actos oficiais e litúrxicos do día 24.
Moldes destaca que esta edición «volveu demostrar a enorme implicación do tecido asociativo e cultural de Poio, co protagonismo de numerosos colectivos do noso municipio». Neste sentido, salienta a consolidación dos concertos itinerantes da Escola de Acordeóns de Campelo-Poio, a tradicional recollida de flores para elaborar o cacho de San Xoán organizada pola ACV Ronsel e a participación das corais (Coro Virxe de Fátima, Coro Virxe da Renda e Coral de Poio), da Banda de Música de Poio, Vides Novas, da Escola de Música Tradicional de Poio e de Máis Cantos, que contribuíron a enriquecer a programación.
O alcalde subliña tamén a presenza de grupos e formacións locais nos espectáculos musicais nocturnos, como Grupo Azabache, Ritmo Xove e Marbella, compartindo escenario con algunhas das orquestras máis destacadas do panorama galego. Ademais, durante todo o mes de xuño o Casal de Ferreirós acolleu a exposición «Metamorfose», da artista local Sara Ramos, reforzando a aposta do Concello pola promoción do talento do municipio.
No ámbito da seguridade, o operativo especial permitiu que todas as celebracións transcorreran con absoluta normalidade e sen incidencias graves. O dispositivo estivo integrado pola Garda Civil de Pontevedra, voluntarios de Protección Civil de Poio e tres axentes da Policía Local que participaron no operativo especial de San Xoán.
O rexedor quixo trasladar un agradecemento especial «a todas as persoas que fixeron posible estas festas, especialmente aos corpos e forzas de seguridade e emerxencias e aos traballadores municipais, cuxa coordinación foron fundamentais para garantir o éxito desta edición».
Moldes fixo extensivo este recoñecemento á veciñanza e ás persoas que participaron nas distintas actividades. «Quero dar as grazas a todas as persoas que contribuístes a facer destas festas un éxito de participación e diversión. Un ano máis volvemos demostrar que Poio é un concello vivo e orgulloso das súas tradicións», sinala.