Trece comparsas da provincia desfilarán este venres na Seca, cunha festa que rematará coa música de Dolce Vita e moita animación. Para o desfile de Campelo, os participantes individuais ou en parella poden inscribirse o mesmo día do evento na contorna da Biblioteca Municipal.
O Entroido ten unha cita en Poio esta fin de semana, coa Pasarela de Comparsas o venres na Seca, o Enterro do Mexillón en Combarro o sábado e o Desfile de Entroido en Campelo, o domingo.
Son as primeiras citas dun Entroido que tivo que aprazar a súa programación polas condicións climatolóxicas, pero que reúne todos os ingredientes para que sexa unha celebración moi participativa, animada e chea de cor.
Así, este venres 27 celébrase a terceira edición da Pasarela de Comparsas na Seca, unha cita xa consolidada que reunirá trece das mellores agrupacións da provincia e que rematará cunha gran festa amenizada por Dolce Vita e a entrega de mencións especiais. Así, contará coa participación das locais As Sonecas, Os 100Tolos, Os Canecos e Grupo Carnaval Samieira, así como de AC Moreira A Tope, Alegría de Bora, Os da Caña, OS Retrincos, Os Paparrulos, Politicamente Incorrectos, Os Miúdos, Amigos dos Rapaces e Cor Café. Todos eles contribuirán a crear un ambiente de Entroido excepcional na Seca, cos seus disfraces coidados, as súas coreografías e músicas.
O sábado será quenda do Enterro do Mexilón en Combarro, organizado pola AC Ateneo Corredoira, despois de terse aprazado pola choiva. O cortexo fúnebre sairá ás 20.00 horas desde o Peirao da Canteira para achegarse ata a Praza da Chousa, acompañado polas comparsas locais.
Xa o domingo, recupérase tamén o Desfile de Disfraces de Campelo, aprazado por choivas, e que dará comezo ás 12.00 horas desde a Biblioteca Municipal de Poio. Contará coa participación das principais comparsas chegadas de diferentes puntos da provincia e de Galicia. Xunto coas agrupacións locais Grupo de Carnaval Samieira, As Sonecas, Os Canecos e Os 100Tolos, participarán tamén Alegría de Bora, Os Miúdos, Politicamente Incorrectos e Os Paparrulos.
A maiores, sumaranse os grupos, parellas e persoas que de xeito individual participan no concurso de disfraces. A xornada culminará na Praza da Granxa coa entrega de premios e animación musical a cargo de Due Eventos. En total, repartiranse 4.820 euros entre os gañadores nas categorías individual, parellas e grupos, tanto en infantil (ata 14 anos) como en adultos, ademais de mencións especiais á mellor animación e choqueiros.
As persoas que desexen participar de xeito individual ou en parella poderán formalizar a súa inscrición o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas nas inmediacións da Biblioteca Municipal, achegando copia do DNI e, no caso de menores, tamén da persoa titora. As asociacións deberán presentar copia do CIF e do DNI da persoa representante.
As comparsas deberán estar presentes unha hora antes da saída, accedendo pola PO-308, Avenida de San Xoán, polo Casal. O punto de encontro será no inicio do percorrido, fronte á Biblioteca Municipal de Poio para distribuír os dorsais. Haberá varios aparcamentos disuasorios habilitados que estarán perfectamente identificados e sinalizados. No que respecta á climatoloxía, o Concello de Poio agardará ata a véspera do desfile para anunciar un posible aprazamento no caso de previsión de choiva.
PRETO DE 5.000 EUROS EN PREMIOS
Na categoría de adultos, os premios individuais oscilarán entre os 170 euros do primeiro clasificado e os 50 euros do cuarto. En parellas, o primeiro premio será de 210 euros, e nos grupos acadará os 500 euros para os gañadores.
En infantil, os premios individuais irán desde os 120 euros do primeiro posto ata os 70 do terceiro; en parellas, o máximo será de 160 euros; e en grupos, o primeiro premio acadará os 250 euros.
Ademais, haberá premios especiais de choqueiro e animación, compatibles co resto de categorías, con contías de ata 200 euros. O xurado, integrado por membros da comisión municipal de Educación, Cultura e Deporte, valorará aspectos como a orixinalidade, o vestiario, a posta en escena, a coreografía, a animación e a creatividade.
PROGRAMACIÓN ATA O 21 DE MARZO
O Enterro do Galo Fodorico trasládase ao 21 de marzo na Praza do Mosteiro, a partir das 21.00 horas, seguido da Festa Choqueira organizada pola ACV Ronsel, con premios, chocolate quente a actuación musical do Dúo Estelar.
A programación complétase co Enterro do Berberecho en Lourido (7 de marzo), o desfile e enterro do Galo Bruxo en Samieira (14 de marzo) e o Enterro da Galiña Vilarica en Vilariño (19 de marzo).
Unha programación variada, ampla e pensada para todas as idades, que encherá de música e animación as rúas de Poio. Por iso, desde o Concello de Poio animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nun Entroido que medra cada ano en participación e creatividade e que consolida a Poio como unha referencia festiva na provincia.