Ángel Moldes: “este é un Nadal participativo, queremos que todas as crianzas se contaxien da ilusión por estas festas, porque eles teñen que ser os protagonistas”.
Os Trasniños do Nadal do Concello de Poio están a visitar esta semana todos os centros de ensino do municipio para presentar a programación especial organizada para gozar destas festas, así como o espectáculo que percorrerá todas as Aldeas de Nadal distribuídas por Poio.
Nelson Quinteiro achegou a súa música de Nadal ás escolas infantís 0-3 anos e á unitaria do Vao, mentres que a animación de Tere e Javi Solla está a protagonizar mañás cheas de diversión nos centros de primaria.
O mércores visitaron o CEIP Isidora Riestra e Viñas, e hoxe continuaron o percorrido polos centros de Lourido, Chancelas e Espedregada.
O alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, acompañaron ao alumnado durante a visita para compartir a experiencia festiva.
Nos distintos encontros, música, bailes, concursos e humor encheron de alegría os centros, onde os Trasniños agradeceron tamén a colaboración do alumnado na decoración dos elementos das Aldeas de Nadal.
Durante as visitas houbo moitas coreografías, escoitáronse os hits musicais do momento e repartíronse pases de ouro entre as nenas e nenos máis participativos, que lles permitirán gozar dos espectáculos do Nadal na carpa Poio Máxico en primeira fila e saudar aos Reis Magos sen esperas na recepción da Seca.
O alcalde, Ángel Moldes, destacou que “este é un Nadal participativo; queremos que todas as crianzas se contaxien da ilusión por estas festas, porque eles teñen que ser os protagonistas. Por iso apostamos por achegar as nosas propostas aos centros de ensino e, de paso, animarlles a participar en toda a programación de Nadal que elaboramos para que disfrute toda a familia”.
Os Elfos do Nadal de Poio serán o fío condutor para transformar cada unha das sete Aldeas nun escenario máxico, con música, bailes e animación da man de Javi Solla e Tere. As actividades completaranse con propostas na rúa nas que colaboran distintos colectivos locais, organizando sesións de teatro, batucadas, obradoiros, contacontos, panxoliñas, música e mesmo un adianto das badaladas de fin de ano.
CALENDARIO DAS ALDEAS DE NADAL
Luns 22 de decembro: Aldea do Adro – San Salvador
Martes 23: Aldea da Granxa – Campelo
Sábado 27: Aldea da Vila – Porto de Raxó
Domingo 28: Aldea das Badaladas – San Martiño
Luns 29: Aldea dos Patos – Lourido
Mércores 31: Aldea das Palleiras – Combarro
Venres 2 xaneiro: Aldea dos Muíños – Samieira