OS PARTICULARES PODERÁN ORGANIZAR XANTARES E CEAS NA RÚA POLO DÍA DE COLÓN

12/01/2024

2023.

Os particulares poderán reservar espazo para xantar ou cear nas rúas de Combarro durante o Día de Colón. Esta é unha das principais novidades da décima edición da festa medieval, que se recupera os días 20 e 21 de outubro tras cinco anos sen organizarse, en colaboración coas asociacións Combrus, Laretas e Vides Novas. Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, o obxectivo é encher as rúas do centro histórico de ambiente e animación medievais, e por iso anima a veciños e visitantes a saír ás rúas e impregnar Combarro do espírito de Colón.

DESCARGAR NORMATIVA + SOLICITUDE

“Estamos avanzando en propostas e medidas para desestacionalizar o turismo, para favorecer o desenvolvemento socioeconómico do noso concello, para que Poio sexa un gran destino para visitantes, para veciños e para o sector cada un dos meses do ano”, engade.

Os xantares e ceas de particulares poderán organizarse o sábado, día 21, e as persoas interesadas poden anotarse na Oficina de Turismo de Combarro, entre mañá martes e o venres, en horario ininterrompido de 9.30 a 20.30 horas. Xunto coa folla de solicitude, na que teñen que incluír datos do solicitante así como número de participantes e dimensións da mesa, e interese en facer lumes e grellas, deberán acompañar copia do DNI da persoa representante e esbozo ou fotografías que amosen as dimensión do espazo que se solicita, o seu emprazamento e a estética que se lle quere dar.

Entre as normas de participación propostas polas asociacións colaboradoras, destacan que todas as persoas da mesa vestirán traxes adecuados á época histórica da recreación da festa, e a decoración e ambientación deberán tamén estar relacionados directamente co espírito da época, así como os materiais que se utilicen, a música e incluso a animación tamén deberán ter temática exclusivamente medieval. De feito, haberá premios para os mellores decorados e ambientación.

Na asignación de espazos, valorarase a decoración, ambientación e organización de actividades lúdicas e de animación que se propoñen nas inscricións, e no caso de que se queiran instalar “jaimas”, teñen que ser con materiais acordes e está prohibido facer buratos no chan para fixalas, debendo utilizar outros obxectos ou materiais que non danen o solo. Con respecto aos lumes e grellas, non se pode facer lume baixo toldos e outras zonas  e elementos susceptibles de arder e as queimadas están prohibidas. Estas e outras normas poderán consultarse na propia oficina turística así como na páxina web e nas redes sociais do concello e dos organizadores.

Como edicións anteriores, a programación incluirá artesáns, tiro con arco, obras teatralizadas e música itinerantes, entre outras propostas que se darán a coñecer nos vindeiros días, e a organización manterá reunións de coordinación cos diferentes establecementos. Tamén os locais crearán os seus propios menús medievais.
Por último, inciden en que con esta celebración tamén se sigue reivindicando a ascendencia galega de Colón. “Esta festa serviu para afianzar a relación da figura do navegante con Poio e dar visibilidade ao propio museo”, engade Moldes.

NORMAS – Xantares e Ceas para particulares

As persoas interesadas en xantar ou cear de forma particular nas rúas de Combarro, durante a celebración do Día de Colón, o sábado 21 de outubro de 2023, terán que cumprimentar unha solicitude e cumprir as normas que se detallan a continuación:

* Entregar na Oficina de Turismo de Combarro a solicitude cuberta, entre os días 3 e 6 de outubro (martes a venres), en horario continuado de 9.30 a 20.30 horas, acompañado da seguinte documentación:

  • Copia do DNI da persoa representante.
  • Esbozo ou fotografías que amosen as dimensións do espazo solicitado, o seu emprazamento e a estética que se lle quere dar para o Día de Colón.

* Aceptar os seguintes requisitos:

  • As mesas autorizadas deberán ter visible o número de identificación facilitado pola organización.
  • Deberán adaptarse á zona e ao espazo asignados. Non se pode ampliar o número de metros que se indique no documento de aceptación, e deberase garantir en todo momento o paso dos medios de seguridade, colaborando coa retirada de elementos que dificulten a circulación de equipos de intervención.
  • Todas as persoas da mesa vestirán traxes adecuados á época histórica da festa.
  • A decoración e ambientación deberán tamén estar relacionados directamente co espírito da época, e incluso os materiais utilizados deberán gardar relación.
  • A animación e a música tamén deberán ter temática exclusivamente medieval.
  • Usaranse depósitos para lixo acordes coa ambientación da festa (sacos, cestos…)
  • Na asignación de espazos, valorarase a decoración, ambientación e organización de actividades lúdicas e de animación.
  • No caso de que se queiran instalar jaimas, teñen que ser con materias acordes á recreación histórica do Día de Colón e está prohibido facer buratos no chan para fixalas. Deberanse utilizar outros instrumentos/obxectos que non danen o solo.

Lumes e grellas

* As mesas que necesiten facer lume, deberán facelo constar na solicitude.

* O lume farase no espazo asignado.

* Está PROHIBIDO facer lume baixo toldos, instalacións eléctricas ou calquera elemento susceptible de arder.

* Están PROHIBIDAS as queimadas.

* O espazo do lume terá a medida suficiente para impedir que persoas alleas accedan, de xeito que impida queimaduras.

* Deberá ter un extintor 6 Kg eficacia 21 A-113B ou dous de 3 KG ou acceso a toma de auga.

* A zona arredor do lume deberá de estar protexida con area ou calquera outro material que o protexa de cinzas, graxas, aceites, … co fin de protexer o chan e que permaneza limpo.

* Os responsables de cada solicitude deberán manter a zona utilizada en perfecto estado de uso e limpeza, tanto durante as mesmas, coma unha vez recollidas as instalacións.

* En todo caso, o domingo día 22 de outubro, ás 09:00h, o espazo asignado deberá estar despexado de todo o material utilizado na festa, limpo e baldeado, deixándoo nas mesmas condicións que antes dos eventos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio