Os particulares poden inscribirse desde o luns para participar nos xantares e ceas na rúa polo Día de Colón

03/04/2025

A undécima edición da festa celébrase o 9 e 10 de maio. O obxectivo é encher as rúas do centro histórico de ambiente e animación medievais, e por iso animan a veciños e visitantes a saír ás rúas e impregnar Combarro do espírito de Colón.

Os particulares poderán reservar desde este luns, 7 de abril, espazo nas rúas de Combarro para xantar ou cear durante o Día de Colón, que se celebra o 9 e 10 de maio. O obxectivo é encher as rúas do centro histórico de ambiente e animación medievais, e por iso animan a veciños e visitantes a saír ás rúas e impregnar Combarro do espírito de Colón.

Os xantares e ceas de particulares poderán organizarse o sábado, día 10, e as persoas interesadas poden anotarse na Casa do Campo, en Combarro, ata o día 2 de maio. Xunto coa folla de solicitude, na que teñen que incluír datos do solicitante así como número de participantes e dimensións da mesa, e interese en facer lumes e grellas, deberán acompañar copia do DNI da persoa representante e esbozo ou fotografías que amosen as dimensión do espazo que se solicita, o seu emprazamento e a estética que se lle quere dar.

Entre as normas de participación propostas polas asociacións colaboradoras, destacan que todas as persoas da mesa vestirán traxes adecuados á época histórica da recreación da festa, e a decoración e ambientación deberán tamén estar relacionados directamente co espírito da época, así como os materiais que se utilicen, a música e incluso a animación tamén deberán ter temática exclusivamente medieval.

Na asignación de espazos, valorarase a decoración, ambientación e organización de actividades lúdicas e de animación que se propoñen nas inscricións, e no caso de que se queiran instalar “jaimas”, teñen que ser con materiais acordes e está prohibido facer buratos no chan para fixalas, debendo utilizar outros obxectos ou materiais que non danen o solo. Con respecto aos lumes e grellas, non se pode facer lume baixo toldos e outras zonas e elementos susceptibles de arder e as queimadas están prohibidas. Estas e outras normas poderán consultarse na propia oficina turística así como na páxina web e nas redes sociais do concello e dos organizadores.

Desde as asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas, en colaboración co Concello de Poio, xa están traballando na organización do evento, que aspira a repetir o éxito da última edición e encher as rúas de Combarro de cor, historia e tradición medievais.

O Día de Colón ofrece durante dous días unha extensa programación lúdica e festiva para toda a familia: desde mercado artesanal, animación nas rúas durante todo o día, teatro e bailes medievais, concertos, tiro con arco e esgrima antiga, xusta medieval… Unha programación ampla e atractiva que conta coa implicación de colectivos locais e da propia veciñanza, xa que tanto os establecementos comerciais como os propios veciños contribúen coa decoración das súas casas e negocios para a ocasión.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio