Este venres, 13 de decembro, inaugúrase ás 20.00 horas no Casal de Ferreirós a exposición de pintura “Eternas”, da artista local Galia Blanco.
O Concello de Poio xa comezou a repartir entre a veciñanza e os negocios locais o calendario para o ano 2025. Como o ano pasado, nesta ocasión volve contar cos deseños de Carracuca, galeguismo ilustrado, para dar protagonismo aos Muíños da Freixa, en San Xoán, no primeiro semestre do ano, e á fronte costeira de Raxó, no segundo.
Dá así continuidade a unha iniciativa que comezou neste 2024, que contou coas ilustracións do Pazo Besada e da Casa Consistorial. A idea, segundo indican, é ir percorrendo cada ano dous lugares emblemáticos do municipio para que protagonicen o calendario dese ano.
Trátase dun calendario de escritorio no que se recolle información de contacto do Concello de Poio, pero que tamén ten sinalados os festivos nacionais, galegos e locais. Están dispoñibles na Casa Consistorial, nos espazos municipais e outros establecementos repartidos por todo o municipio.
INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN ETERNAS, DA ARTISTA LOCAL GALIA BLANCO
Por outra banda, dentro da programación do Nadal en Poio, este venres, 13 de decembro, inaugúrase ás 20.00 horas no Casal de Ferreirós a exposición de pintura “Eternas”, da artista local Galia Blanco.
Comezou a expor as súas pinturas a finais dos anos 80, e desde entón ten participado en numerosas mostras individuais e colectivas a nivel nacional e internacional.
Xornalista e pintora, compaxinou a arte e a comunicación ao longo da súa vida. Como pintora, destacan os Popsportraits ou retratos pop cos que iniciou a súa carreira e que segue a realizar, ou series como Agropop, na que representaba con cores vibrantes temáticas do rural galego desde unha perspectiva contemporánea ou, recentemente, as súas series Eternas e Harmonía coas que busca ordenar o caos e reducir a velocidade das vidas contemporáneas a través de imaxes de mulleres coñecidas ou de xogos de cores ledas e atractivas que se funden para provocar serenidade cun punto de diversión.