OS MAIOS VOLVEN Á ALAMEDA DE SAN XOÁN CUN INCREMENTO DE PARTICIPACIÓN CON RESPECTO A 2022

12/01/2024

2023.

O vindeiro luns, día 1 de maio, volve á Praza do Mosteiro de San Xoán unha das citas máis tradicionais e emblemáticas da primavera. Trátase do Concurso dos Maios, que dará comezo ás 11.00 horas e que nesta edición de 2023 ve incrementada a súa participación con respecto a edicións anteriores. Así o explicou este xoves a concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, durante a presentación do evento. Rodríguez estivo acompañada polo presidente do Ateneo Corredoira de Combarro, Juan Manuel Pérez González, cuxo colectivo organiza, en colaboración co propio Concello, a Mostra de Maios na Praza da Chousa, o mesmo día ás 18.00 horas.

O certame retorna ás inmediacións do Mosteiro despois de varios anos de ausencia. Rodríguez lembra que a última vez que se puido desenvolver nesta inigualable contorna foi no 2018, toda vez que no 2019 trasladouse á explanada da Seca por mor duns traballos de acondicionamento que se estaban a realizar na alameda. O ano pasado tamén se desenvolveu na Seca, ao coincidir a data en domingo, para non interferir nos habituais actos relixiosos, mentres que en 2020 e 2021 o evento tivo que ser suspendido por mor da pandemia da COVID-19. A concelleira de Cultura agradeceu a todos os colectivos que se involucran á hora de seguir consolidando o que é un dos concursos de maios de referencia en toda a bisbarra de Pontevedra. “Ás asociacións e entidades que inscriben habitualmente todos os anos sumáronse nesta ocasión novos participantes, o que sen dúbida axuda a consolidar a importancia dun acontecemento no que celebramos, con humor e orixinalidade, a chegada da primavera”, apuntou a responsable de Cultura. Cómpre lembrar que o prazo de inscrición permaneceu aberto ata este mércores.

Unha das grandes novidades do Concurso dos Maios este ano é o incremento dos premios, cuxa contía total ascende nesta ocasión a 6.800 euros. Polo mero feito de participar cada maio recibirá 300 euros e dúas roscas. Con respecto aos galardóns, repartiranse entre os tres primeiros clasificados nas categorías ao mellor conxunto (220, 180 e 150 euros, respectivamente) , mellor maio, mellores coplas, mellor coroa, mellor actuación e mellor barco galego tradicional. Nestes cinco subgrupos os premios serán de 150, 120 e 100 euros, respectivamente. O xurado estará composto polos membros da Comisión Información de Educación, Cultura e Deportes do Concello de Poio.

Ademais dos colectivos participantes, Raquel Rodríguez tamén animou á veciñanza a que se achegue o vindeiro luns ata a Praza do Mosteiro pola mañá e á Praza da Chousa pola tarde para gozar coas composicións e deseños elaborados.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio