O contrato ten un valor estimado de 54,8M€ e a empresa concesionaria terá que asumir a execución de investimentos por valor de 15,4M€. Subliñan que o interese e participación de tantas empresas é positiva porque fomenta a competencia, permite obter mellores prezos e unha maior calidade do servizo.
Un total de once empresas presentaron as súas ofertas para xestionar o saneamento e abastecemento de auga no Concello de Poio. O contrato ten un valor estimado de 54,8M€ cunha duración de 25 anos e obriga á empresa concesionaria a asumir a execución de investimentos por valor de 15,4M€.
O prazo de presentación de ofertas rematou esta semana con propostas de Acciona Agua Servicios SL, Espina y Delfín SL, Gestión y Técnicas del Agua SA, Global Omnium Medioambiente – SA de Obras y Servicios Copasa, Hidrogestión SA, Inima Water Services SLU, Sociedad de Fomento Agrícola Castellonense SA, Técnicas de Desalinización de Agua SA – Elecnor Servicios y Proyectos, UTE FCC Aqualia – Petrolam Infraestructuras, UTE Sacyr Agua – Extraco, Construccións e Proxectos SA y Viaqua Gestión Integral de Aguas de Galicia.
Desde o Concello, subliñan que o interese e participación de tantas empresas demostra que é un bo contrato, un documento moi traballado e con condicións moi interesantes. E é moi positivo porque fomenta a competencia, o que permite obter mellores prezos, unha maior calidade do servizo e propostas máis innovadoras. Ademais, amosa a transparencia e a lexitimidade do proceso de adxudicación e facilita a elección de ofertas que incorporen melloras técnicas, contribuíndo así a unha xestión máis eficiente. Así pois, entenden que permitirá á Mesa de Contratación elixir entre todas as propostas unha empresa que realmente permita dar un bo servizo á cidadanía durante todo o tempo do contrato.
Asemade, recoñecen que é un proceso moi complexo no que haberá un equipo técnico para facer unha valoración desde o seu punto de vista de cada unha das ofertas presentadas. A adxudicación do contrato realizarase por procedemento aberto, seleccionando a oferta con mellor relación calidade-prezo.
Coa adxudicación do novo contrato da auga, o Concello de Poio quere mellorar a calidade do servizo e executar investimentos por valor de 15,4 millóns de euros en obras de ampliación e mellora das redes de saneamento e abastecemento en todo o municipio.
Os investimentos darán prioridade ás zonas de Vilariño e Fragamoreira, dous núcleos importantes de poboación que carecen de saneamento e abastecemento de auga, así como á zona da Caeira, onde as roturas son constantes debido ao mal estado da rede.
Segundo o cronograma que se inclúe, os investimentos realizaranse ao longo dos catro anos iniciais do contrato. Así, no primeiro ano investirase 4,6M€ para dotar de servizos a Vilariño-Fragamoreira, nas rúas San Antoniño, Río Miño e Illa de Ons. No segundo ano, o investimento superará o 3,4M€, para mellorar as redes na Bouza (Samieira), na rúa Illa de Tambo, nos camiños Lubiáns, travesías 2ª e 3ª de Lubiáns, Fogueteira e Campo Loncras, na marxe esquerda da PO-308 entre Covelo e Combarro; no camiño de Bocas e avenida de Colón ou rede de pluviais en rúa Coruxa e camiño Real do Casal.
No ano tres, destinaranse 2,3M€ para mellora do camiño Os Mouchos, da Cachada, travesía de Lubiáns, camiño Monte do Cura, na marxe dereita da PO-308, entre Chancelas e Raxó, na PO-308 entre o cemiterio e o Remo e a avenida da Praia. Por último, no cuarto ano, o investimento a realizar ascende a 1,3M€, entre as que están enlace da Escusa e Río Mouro co saneamento existente, rede de saneamento na Escusa, en río Mouro e Río Mouro pequeno.
Todas estas son actuacións de obrigado cumprimento no novo contrato e, a maiores, entre as melloras incluirase tamén o novo depósito ETAP e conexión no Sartal, cun orzamento de 3,8M€.