O Concello de Poio está a executar obras de mellora na rúa Doutor Martínez García, situada na parroquia de San Xoán, co obxectivo de renovar as redes de saneamento e abastecemento de augas. A actuación foi motivada pola rotura da tubaxe rexistrada hai uns días, que puxo en evidencia unha grave deficiencia no sistema de sumidoiros da zona.
Durante os traballos para reparar a avaría, detectouse que as redes de augas fecais e pluviais estaban conectadas ao mesmo colector, unha situación que non debe producirse e que incumpre os estándares técnicos e ambientais esixidos na actualidade.
O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, que supervisou persoalmente as obras esta mesma mañá, sinalou que este problema é consecuencia dunha «mala xestión anterior, onde se facían as cousas de calquera forma e con présas». García destacou que o Goberno local continúa enfrontándose no seu día a día a «resolver numerosos problemas herdados».
A intervención inclúe a instalación dunha rede separativa, que permitirá canalizar por vías independentes as augas residuais e as pluviais. «As augas limpas non poden estar nunca conectadas coas augas sucias», explicou o concelleiro, quen insistiu na importancia desta actuación para garantir un sistema eficiente, moderno e respectuoso co medio ambiente.
O Concello de Poio reafirma así o seu compromiso coa mellora das infraestruturas básicas do municipio, apostando por actuacións que solucionen problemas estruturais herdados e melloren a calidade de vida da veciñanza.