O ximnasio municipal da Seca contará cun sistema de control de acceso e aforo

11/03/2024

O alto incremento de usuarios nos últimos meses, tanto de xeito individual como nas sesións monitorizadas, fan necesario un sistema de control que permita aos monitores centrarse exclusivamente na súa labor pedagóxica.

O Concello de Poio instalará un sistema de control de accesos e aforo no ximnasio municipal da Seca, para garantir que os monitores poidan centrarse en exclusiva nos usuarios e evitar, asemade, posibles usos indebidos na instalación.

Desde a ampliación do horario da instalación deportiva, que desde o mes de novembro abre tamén polas mañás, de 7.00 a 14.00 horas, o aumento de usuarios é importante, tanto os que asisten de xeito individual como os que participan nalgunha das actividades monitorizadas. Este incremento evidente das persoas que entran e saen do ximnasio fai necesario a instalación dun sistema que permita controlar os accesos aos usuarios con abonos e cotas en vigor e liberar aos monitores, para que se centren exclusivamente na súa labor pedagóxica do aspecto físico e deportivo.

Os traballos, que ascenden a 9.000 euros, serán financiados conxuntamente polo Concello de Poio e a Deputación de Pontevedra, a través do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas. Inclúen a instalación eléctrica e dos tornos con mecanismos bidireccionais, con caída de brazos en caso de emerxencia e sinalización virtual sinxela para outorgar ou denegar o acceso, así como lector de entrada e saída dos usuarios da instalación municipal, o que tamén permitirá controlar o aforo. Colocarase tamén unha porta de acceso para persoas con mobilidade reducida, con peche eléctrico e lector de tarxeta de entrada de saída. Unha vez instalados, os usuarios poderán acceder coas tarxetas que lles entregará o Concello de Poio.

Ademais deste sistema de control de accesos e aforo no ximnasio municipal, o Concello de Poio incluirá nese Plan extraordinario de infraestruturas deportivas a instalación do primeiro circuíto de Pump-Track no municipio e a creación de dous novos vestiarios no campo de fútbol da Seca, para dar resposta así a unha demanda histórica dos clubs locais e facilitar que os usuarios poidan cambiarse na propia instalación, sen ter que desprazarse ata outros espazos deportivos da contorna para cambiarse, como por exemplo o campo da Reiboa ou o propio ximnasio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio