O VI “O Son da Gaita” celébrase este domingo en Poio, con algúns dos mellor gaiteiros e gaiteiras de Galicia

24/10/2025

O obxectivo é crear un espazo destinado á posta en valor da gaita galega, dos seus intérpretes e da música tradicional. A xornada desenvolverase no Pazo Besada, a partir das 10.30 horas, e estrutúrase en catro bloques que combinan actuacións, presentacións e encontros.

Este domingo, 26 de outubro, a partir das 10:30 horas, o Pazo Besada acollerá a sexta edición de “O Son da Gaita”, unha das citas máis destacadas para os amantes da gaita galega e da música tradicional. O evento, organizado pola Asociación Cultural Pai da Cana, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra mediante o programa Culturea, e do Concello de Poio.

A presentación oficial desta nova edición tivo lugar hoxe no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela, coa participación de Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística; Natalia Sabarís Castro, Concelleira de Cultura e Educación do Concello de Poio; e Óscar Ibáñez García, presidente da Asociación Cultural Pai da Cana.

“O Son da Gaita” reunirá nesta ocasión a algúns dos principais gaiteiros e gaiteiras das catro provincias galegas, que achegarán os seus diferentes estilos e linguaxes interpretativas, creando un espazo destinado á posta en valor da gaita galega, dos seus intérpretes e da nosa música tradicional. A cita está dirixida a todas as persoas sensibles á cultura galega, non necesariamente especialistas, e ofrecerá unha oportunidade única para coñecer e apreciar a diversidade técnica e expresiva deste instrumento tan representativo de Galicia.

A programación estrutúrase en catro bloques que combinan actuacións, presentacións e encontros. A xornada abrirase coas actuacións dos grupos Noitarega, de Vigo; Gaiteiros das Rías Baixas, de Pontevedra; e Gaiteiros de Eidos, da Coruña. Posteriormente, dentro do apartado dedicado ás publicacións, presentaranse a colección “Chave Mestra” da Central Folque, a cargo de Ramom Pinheiro, e o “Método de Tambor Galego” de Andrés Vilán. No espazo reservado aos artesáns intervirán Álvaro Seivane, do Obradoiro de Gaitas Seivane, e Xoán Manuel Tubío, de Xaneco Obradoiro de Instrumentos Tradicionais.

Despois dun breve descanso, será a quenda dos solistas, entre os que destacan Suso Vaamonde, da Coruña; Brais Monxardín, da Fonsagrada; Isidro Vidal, do Carballiño; Nadia Vázquez, da Guarda; e Anxo Pintos, de Vigo, todos eles grandes artistas e referentes actuais da gaita galega.

A xornada rematará cun xantar-foliada no restaurante Casa Laura, en Campelo, a partir das 15.00 horas, no que, ademais de desfrutar da gastronomía galega, os asistentes poderán gozar da actuación de Pelica de Can e da interpretación libre dos artistas e participantes presentes.

Este evento, ademais de ofrecer un programa musical de gran nivel, pon o foco nos artesáns, investigadores e compiladores da música tradicional, destinando un espazo específico para dar a coñecer tanto as novidades na construción da gaita como as publicacións máis destacadas arredor deste instrumento. O “Son da Gaita” pretende consolidarse así como un punto de encontro, de difusión e de convivencia entre músicos, artesáns, investigadores e público, fortalecendo a relación entre todos os axentes que fan posible a continuidade e vitalidade da música tradicional.

A capacidade é limitada, polo que se recomenda que as persoas interesadas reserven praza enviando un correo electrónico a acpaidacana@gmail.com ou no teléfono 626 825 442.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio