O SERVIZO DE RECOLLIDA DE VOLUMINOSOS ELIMINOU MÁIS DE 30 VERTIDOS INCONTROLADOS NO PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO

12/01/2024

2023.

A dez días de finalizar o primeiro trimestre de 2023 o servizo de recollida de voluminosos, unha prestación gratuíta da que se poden beneficiar a veciñanza de Poio para desprenderse de diferentes restos de gran tamaño, está a traballar a pleno rendemento. Segundo un informe elaborado pola empresa responsable do tratamento e retirada de residuos no concello, Valoriza, ata o pasado 15 de marzo xa se tiñan retiradas un total de 29,66 toneladas de restos. O 50% desta cantidade corresponde a mobles antigos, destacando tamén as cantidades de chatarra (case 9 toneladas). Os colchóns, electrodomésticos e restos sanitarios completan o listado.

O concelleiro de Obras e Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, destaca que a meirande parte destas cantidades (concretamente, 183) foron retiradas a través das peticións realizadas pola cidadanía. Cómpre lembrar que se pode dispoñer deste servizo chamando ao  número de teléfono 986771185, cun horario de luns a venres de 9.00 a 13.00 horas. A estas actuacións súmanse as 32 efectuadas para retirar vertidos incontrolados localizados en diferentes emprazamentos da vía pública. Neste sentido, o edil do Goberno municipal sinala que “detectamos un incremento na cantidade de voluminosos retirados, que responde a que cada vez son máis os veciños e veciñas que fan uso do servizo, o cal é unha moi boa nova, porque demostra o nivel de compromiso e interese existente entre a cidadanía para efectuar un tratamento axeitado deste tipo de residuos”. Non obstante, Casás Barral tamén advirte que “aínda queda moito por avanzar” no que á eliminación de abandono de restos en lugares prohibidos se refire. Unha vez máis, concelleiro do PSdeG-PSOE lembra que este tipo de accións “están penadas pola lei” e as persoas responsables destes actos expóñense a facer fronte a cuantiosas multas económicas, que, no caso das sancións máis graves, poden chegar ata os 6.000 euros. “Contamos cun servizo de recollida que funciona correctamente, que é gratuíto e que está a disposición da veciñanza, polo que non hai xustificación para abandonar restos na vía pública ou depositalos nos contedores non correspondentes”, advirte o titular de Obras e Servizos Municipais.

Demanda de biotrituradoras

Por outra banda, Julio Casás tamén fai unha valoración moi positiva do servizo de empréstamo de biotrituradoras, posto en marcha polo Concello de Poio, a través da área de Obras e Servizos Municipais, hai apenas uns días. “Xa comezamos a facer entrega dos dispositivos ás primeiras persoas que completaron as solicitudes”, indica Casás Barral, que lembra que os veciños e veciñas interesadas en facer uso das dez unidades dispoñibles deben poñerse en contacto coa mestra composteira, a través do teléfono 604025288. Tamén é posible obter máis información chamando ao 986770001. O Concello de Poio adquiriu  as biotrituradoras ao abeiro dunha achega de fondos europeos obtidos a través da Xunta de Galicia, que se invisten na realización de iniciativas e medidas encamiñadas a cumprir cos obxectivos que marca a nova Lei de Residuos.

Reducir ao máximo as queimas, evitar un tratamento non axeitado de restos de poda, plantas ou viñedos e a posibilidade de crear estruturante natural de primeira calidade para a compostaxe son algúns dos beneficios que se conseguen facendo uso destes dispositivos. Para realizar o empréstamo, as persoas solicitantes deberán cubrir un formulario previo. Ademais, tamén se lles fai uso dunha guía rápida de utilización da maquinaria e un documento no que figuran os dereitos e deberes a cumprir tanto por parte da Administración municipal como do propio usuario ou usuaria, que poderán dispor dos dispositivos durante tres días.

Na actualidade xa son preto de 30 os veciños e veciñas que teñen contactado coa mestra composteira amosando o seu interese por gozar destes empréstamos, segundo calcula o concelleiro Julio Casás.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio