O alcalde Ángel Moldes anima á cidadanía a aproveitar este servizo gratuíto que xa están dispoñibles nas dúas praias con distintivo Bandeira Azul.
O Concello de Poio reforza este verán o seu compromiso co fomento da lectura e renova, por segundo ano consecutivo, o servizo Bibliopraia que, nesta ocasión, se estende tamén á praia de Siorto, en Raxó, ademais de manterse en Cabeceira. Ambas contan co distintivo Bandeira Azul, co que as converte en espazos ideais para, sinala o alcalde, Ángel Moldes, gozar dunha boa lectura ao carón do mar.
Así, durante os meses de xullo e agosto, tanto veciños como visitantes, poden acceder de forma gratuíta a unha selección de libros en galego e castelán, con títulos para todas as idades. O servizo está dispoñible no horario de atención das casetas de socorrismo, todos os días entre as 12.00 e as 20.00 horas, onde se poden recoller e devolver os exemplares en préstamo.
Ángel Moldes, acompañado pola concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, achegouse esta semana ata os areais para promocionar o servizo e animar aos bañistas a facer uso deste servizo. “É unha iniciativa innovadora, que combina ocio e cultura, que pon en valor as nosas praias. Poder gozar dun libro ao pé da praia é unha grande experiencia”, sinala Moldes que subliña o compromiso do Concello de Poio coa promoción da lectura en todos os ámbitos e para todas as idades.
Así, subliña que a experiencia do ano pasado na praia de Cabeceira foi moi boa, e por iso desde o Concello de Poio apostouse por ampliar o servizo ás dúas praias municipais que contan co distintivo Bandeira Azul. “Son iniciativas enriquecedoras que suman, que animan e fomentan a lectura”.
Entre os títulos dispoñibles destacan gran variedade de obras infantís como Os Bolechas, O Monstro de Cores, Conta nove estrelas ou Os Futbolísimos, así como propostas de novelas para adultos como a triloxía de Stieg Larsson ou títulos de Dolores Redondo, José Saramago, Hoah Gordon, etc.
Desde o Concello de Poio chaman ao uso responsable deste préstamo, lembrando a importancia de devolver os libros unha vez rematada a súa lectura para que máis persoas poidan seguir gozando deles.