Desde o servizo municipal están organizando encontros coas nais e pais das escolas infantís de 0 a 3 anos para abordar cuestións relacionadas coa crianza e o desenvolvemento infantil.
O Servizo de Atención Temperá do Concello de Poio continúa desenvolvendo iniciativas destinadas a achegar recursos e ferramentas ás familias do municipio. Dentro desta liña de traballo, este xoves 12 de marzo celebrarase a xornada titulada “SOS: Rabietas”, un encontro pensado para axudar ás nais e pais a comprender e xestionar mellor estes episodios habituais nas primeiras etapas do desenvolvemento infantil.
A actividade está dirixida principalmente ás familias da Escola Infantil Galiña Azul, así como ás persoas usuarias do propio servizo municipal de Atención Temperá. A sesión desenvolverase ás 16.15 horas nas instalacións da escola infantil e non será necesaria inscrición previa para participar.
Durante a xornada, profesionais do servizo abordarán que son as rabietas, por que aparecen con frecuencia nas idades temperás e que estratexias poden aplicar as familias para acompañar aos nenos e nenas nestes momentos. O obxectivo é ofrecer orientación práctica e resolver dúbidas nun espazo de diálogo próximo e participativo.
Esta iniciativa forma parte dun ciclo de encontros que o Servizo de Atención Temperá está a impulsar nas escolas infantís de 0 a 3 anos do municipio. A través destas sesións búscase crear espazos de acompañamento ás familias, favorecer a prevención e promover unha crianza máis consciente e informada.
Desde o Concello sinalan que estas actividades permiten, ademais, reforzar o vínculo entre os profesionais do servizo e as familias, facilitando que coñezan de primeira man os recursos e o apoio que ofrece o programa municipal de Atención Temperá.
A Unidade de Atención Temperá de Poio é un servizo público e gratuíto posto en marcha hai un ano e que xa está marcando unha diferenza significativa na vida de máis de 60 nenas e nenos menores de 6 anos no concello, converténdose nun verdadeiro antes e despois para moitas familias. Ten como finalidade previr, detectar e intervir ante dificultades no desenvolvemento infantil en crianzas de 0 a 6 anos. Conta cun equipo profesional formado por unha psicóloga, unha logopeda e unha fisioterapeuta pediátrica, que atende na Casa Rosada.