Dende marzo ata finais de setembro realizáronse un total de 599 intervencións, cun tempo medio de espera para o acceso ao servizo de apenas unha semana e sen lista de agarda, o que garante unha resposta áxil e eficaz ás necesidades das familias. Trátase dun servizo gratuíto que conta con psicóloga, logopeda, terapeuta ocupacional e fisioterapeuta pediátrica. que se ofrece coa colaboración da Consellería de Política Social.
O Concello de Poio realizou esta mañá unha xuntanza de coordinación e seguimento para presentar a memoria de resultados do Servizo de Atención Temperá, que botou a andar no mes de marzo coa colaboración da Consellería de Política Social.
Na reunión participaron o alcalde, Ángel Moldes, xunto coas concelleiras de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, así como as profesionais do servizo e persoal dos departamentos de Servizos Sociais e Desenvolvemento Local. O encontro serviu para facer balance do traballo realizado nestes primeiros meses de funcionamento, así como para marcar os obxectivos de cara ao vindeiro ano.
O servizo xa está a marcar unha diferenza significativa na vida de máis de 50 nenas e nenos menores de 6 anos no concello, converténdose nun verdadeiro antes e despois para moitas familias. Dende marzo ata finais de setembro realizáronse un total de 599 intervencións, cun tempo medio de espera para o acceso ao servizo de apenas unha semana e sen lista de agarda, o que garante unha resposta áxil e eficaz ás necesidades das familias. A idade media de entrada no servizo sitúase entre os 4 e 5 anos. As primeiras consultas no servizo son para facer unha valoración e diagnose e, a partir dese momento, prográmanse as intervencións que precisa cada caso.
Ademais das intervencións coa familia ou coa escola, desde o Servizo de Atención Temperá tamén se coordinaron neste tempo outro tipo de iniciativas comunitarias, entre as que se inclúen formación a profesorado, charlas nas escolas infantís e no centro de saúde sobre desenvolvemento motor, ou talleres de porteo, mocos e desenvolvemento motor.
A Unidade de Atención Temperá de Poio, a primeira no municipio, é un servizo público e gratuíto que ten como finalidade previr, detectar e intervir ante dificultades no desenvolvemento infantil en crianzas de 0 a 6 anos. Financiado pola Consellería de Política Social, conta cun equipo profesional formado por unha psicóloga, unha logopeda, unha terapeuta ocupacional e unha fisioterapeuta pediátrica, que atende na Casa Rosada.
Durante a reunión, destacouse o valor deste recurso como unha ferramenta esencial para favorecer o desenvolvemento integral da cativada e como un apoio fundamental para as familias, ofrecendo intervencións desde os primeiros anos de vida. “Este servizo supón un antes e un despois para moitas crianzas e para as súas familias. A Atención Temperá é unha oportunidade real que estamos orgullosos de ofrecer”, sinalou o alcalde Ángel Moldes.
Unha valoración que coincide cos resultados das enquisas realizadas entre familias usuarias, que na súa totalidade amosan a súa satisfacción co funcionamento do servizo, valoran que os obxectivos plantexados na intervención son importantes para a familia e contribúen a entender mellor as fortalezas e necesidades do menor.
De cara aos próximos doce meses, avanzaron que o obxectivo é seguir fortalecendo a prevención e sensibilización, especialmente a través do traballo con escolas infantís e encontros co profesorado, “porque son quen están día a día coas crianzas e xogan un papel fundamental na detección temperá de posibles dificultades”. Neste senso, as profesionais do servizo explicaron que os avances nos menores se perciben moito máis, posto que complementa o traballo que se fai coas familias.
Con iniciativas como esta, engadiu Moldes, ”Poio avanza cara a un concello máis xusto, inclusivo e comprometido co benestar das familias, apostando por servizos públicos de calidade e accesibles para toda a veciñanza”.