O sector turístico e gastronómico local “brilla con luz propia” na entrega de premios do TapeaPoio 2025

03/06/2025

O Xurado experto premiou a “Batea Escabechada” do Restaurante Evoca, na categoría de tapa Creativa, e ”A Gula do Xabaril” de Casa Ces en tapa Tradicional. Os premios do Público nas dúas categorías recaeron en Casa Ces, sendo “A gula do Xabaril” a tapa tradicional máis votada e a “Filloa de Mar” a preferida na modalidade creativa, mentres que os segundos premios foron para a “Cazoliña Rey”, do restaurante Entrepedras (tradicional) e “Burger Morriña”, da Cafetería Ferreti (creativa).

O Pazo de Colón, na Caeira, acolleu este luns a II Gala da Hostalaría de Poio, unha cita que se converteu nunha auténtica festa para honrar ao sector turístico e gastronómico local, e reivindicar o seu papel como un dos grandes referentes culinarios das Rías Baixas, onde brilla con luz propia.

Durante o evento entregáronse os galardóns do público e o xurado aos establecementos gañadores da segunda edición de TapeaPoio, así como máis de corenta premios sorteados entre as persoas que degustaron e valoraron as distintas tapas, cun total de máis de 7.500 euros en premios a clientes e restauradores, aportados por empresas e colectivos do municipio.

O obxectivo, recoñecer o talento e o esforzo dos 20 establecementos participantes, que presentaron un total de 24 propostas gastronómicas, ademais da implicación de veciños e visitantes que degustaron máis de 5.000 tapas entre o 2 e o 18 de maio.

O acto estivo presidido polo alcalde, Ángel Moldes, e contou coa presenza do Director do Centro Superior de Hostalería de Galicia, José Paz Gestoso, en representación da Xunta de Galicia, representantes de Turismo Rías Baixas, a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, e outros membros da corporación municipal, así como representantes das empresas e entidades colaboradoras e os membros do Xurado Experto.

Ángel Moldes subliñou que esta entrega de premios “non é só un final, é un recoñecemento á Hostalaría de Poio, porque o que temos aquí é talento, esforzo, calidade e moito orgullo”. Quixo destacar o éxito do TapeaPoio 2025, “un éxito rotundo non só polos números, que tamén son impresionantes, senón porque demostramos que en Poio sabemos sumar e porque supuxo un escaparate para os nosos establecementos e unha oportunidade para que moita xente descubrira —ou redescubrira— o que temos aquí. Porque Poio é mar, é natureza, é monte, é historia… pero tamén é gastronomía. E temos que crer máis ca nunca en nós mesmos”. Por todo iso, engadiu, “o TapeaPoio é xa unha marca propia. É identidade. É futuro. E xuntos estamos facendo de Poio un lugar onde sempre apetece estar, tamén fóra do verán, porque aquí hai vida todo o ano”.

Pola súa banda, a edil de Turismo, Rocío Cochón quixo destacar o “salto de calidade e de implicación nesta segunda edición de TapeaPoio”, co dobre de participantes, máis días, máis colaboradores, máis premios… e tamén moitos máis clientes, veciños e visitantes que coñeceron ou redescubriron o talento, a tradición e a innovación da nosa hostalaría. “Máis alá dos galardóns e recoñecementos, máis que merecidos, que hoxe se reparten aquí, ese é o mellor premio para todos”.

Cochón subliñou que unha iniciativa que naceu para impulsar a desestacionalización estase a convertir “nunha oportunidade para presumir do noso sector turístico e do noso tecido empresarial, que fai de Poio un referente absoluto nas Rías Baixas, como destino pero tamén como orixe de iniciativas empresariais líderes”.

Finalmente, puxo en valor a Gala da Hostalaría, que é “a mellor maneira de pechar TapeaPoio2025” e tamén de homenaxear “aos que se desvelan cando os demais descansan, aos que poñen traballo para que outros teñan ocio e poñen a mellor cara para recibir aos que nos visitan”.

“Aos que levantan a verxa de madrugada para que uns poidan almorzar e a pechan de madrugada para que outros poidan alargar unha cea… en definitiva, a todos vós, os nosos hostaleiros, profesionais da restauración e do turismo. Todo isto é por vós e grazas a vós”.

PREMIOS DO XURADO TAPEAPOIO 2025

O Xurado Experto, formado polos chefs con Estrela Michelín Xosé Cannas (Restaurante Pepe Vieira) e Pepe Solla (Restaurante Casa Solla), a empresaria e consultora gastronómica Marga Pazos (Salmoira) e o influencer culinario e de viaxes Alberto Rivas (Alvientoo), outorgou os seguintes premios por decisión unánime.

Mellor Tapa Tradicional: “A Gula do Xabaril”, do Restaurante Casa Ces (San Salvador)

Mellor Tapa Creativa: “Batea Escabechada”, do Restaurante Evoca (Combarro)

Ambos premios consisten nun cheque de 600 euros no Cash Froiz, un certificado acreditativo e un mandilón conmemorativo bordado para os chefs.

PREMIOS DO PÚBLICO TAPEAPOIO 2025

Os premios outorgados polo voto do Público, que valorou as tapas mediante códigos QR e papeletas físicas, corresponderon a:

Mellor Tapa Tradicional: “A Gula do Xabaril”, do Restaurante Casa Ces (San Salvador), con 1.387 puntos

Segundo premio: “Cazoliña Rey”, do Restaurante Entrepedras (Combarro), con 1.188 puntos

Mellor Tapa Creativa: “Filloa de Mar”, do Restaurante Casa Ces (San Salvador), con 1.807 puntos

Segundo premio: “Burger Morriña”, da Cafetería Ferretti (Raxó), con 1.485 puntos

Os primeiros premios de cada categoría consisten nun cheque de 600 euros no Cash Froiz, cun segundo premio de 300 €, tamén no Cash Froiz.

Ademais, entregáronse placas de recoñecemento pola participación no II certame TapeaPoio aos demáis establecementos participantes:

Mesón Lameiriña, Cervecería-Tapería Amura e Restaurante Coral (Raxó); Restaurante “O Novo Lar de Expósito” (Samieira); Tintanegra, Mirabous, La Espuela, O Peirao, O Bocoi, El Barril e Torna (Combarro); Pinela Terraza, O Eirado das Margaridas, Chegar e Encher e Aquelo (San Xoán) e Casa Angelita (San Salvador)

PREMIOS PARA O PÚBLICO

Repartíronse tamén 44 premios para o público participante, valorados en máis de 4.500 €:

  • Menú degustación para dúas persoas no Restaurante Pepe Vieira
  • Menú degustación para dúas persoas no Restaurante Casa Solla
  • 5 vales de 100 € para consumir en establecementos da Asociación Empresarial En Poio
  • 10 vales de 100 € en combustible en Estacións de Servizo Staroil
  • 5 lotes Gourmet de Produtos Pescamar con maridaxe de Viño
  • 3 cestas de Distribucións Froiz
  • 2 bonos dunha estancia para dúas persoas no Hotel Villa Covelo en réxime de aloxamento e almorzo
  • 1 bono dunha estancia para dúas persoas no Hotel Combarro en réxime de aloxamento e almorzo
  • 1 bono dunha estancia para dúas persoas na Casa Rural As Adegas
  • 1 bono dunha estancia de duas noites na Casa Rural Xeitosiña
  • 5 billetes para dúas persoas na Navieira Mar de Ons para visitar a Illa de Tambo ou as Illas Cíes
  • 5 billetes para dúas persoas en Cruceiros Pelegrín, con saída en Combarro para visitar a Illa de Tambo ou un tour das Bateas
  • 1 vale de 50€ en Combustible na Área de Servizo Raxoil
  • 1 vale de 50 € en combustible e 2 vales de lavados de automóbil na Área de Servizo Redarse

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio