O sector turístico de Poio pecha un agosto histórico que rozou a plena ocupación

12/09/2024

A taxa de ocupación media nos aloxamentos do municipio supera o 93%, cinco puntos máis que o ano pasado, segundo Rocío Cochón: “Máis persoas que nunca desfrutaron dun verán único en Poio”

O sector turístico de Poio vén de pechar un mes de agosto “histórico” no que a ocupación media superou o 93%, segundo os datos comunicados este mércores pola concelleira de Turismo, Rocío Cochón, que os valorou como “un sinal da forza e calidade do sector e un estímulo para seguir traballando”.

Cochón quixo felicitar a empresarios e traballadores “polo gran traballo realizado, tamén nos meses previos, que fixo posible que máis persoas que nunca desfrutaran dun verán único en Poio”. As cifras deste exercicio representan unha subida de cinco puntos con respecto ao mesmo mes do ano pasado, e supoñen que “máis de 9 de cada 10 prazas de turísticas dispoñibles no municipio estiveron ocupadas durante todo o mes de agosto”.

Por outra banda, as oficinas municipais de información turística atenderon a 5.873 visitantes ao longo do mes, un 25% máis que o ano pasado. Uns datos aos que contribuiu a ubicación temporal da oficina de turismo de Combarro na Praza da Chousa durante a celebración da Festa do Mar, entre os días 22 e 25 de agosto.

Cochón subliñou que só durante os catro días da Festa do Mar, as informadoras municipais deron atención personalizada a máis de 2.600 viaxeiros, de entre os moitos miles que visitaron Combarro durante o evento, un importante aumento con respecto a 2023.

A edil destacou o crecemento do turismo familiar, nacional e internacional, e o interese cada vez maior polo turismo activo e sostible. Ademais, subliñou as boas previsións trasladadas polo sector de cara ás primeiras semanas de setembro, que no Gobe.no local queren que continúe ata ben entrado o outono e máis aló.

Así, ademais das experiencias máis arraigadas, como os paseos polo Casco Histórico de Combarro ou as visitas ao Mosteiro de San Xoán seguen cobrando forza as viaxes a Tambo, a peregrinaxe polas variantes xacobeas, a oferta culinaria de referencia na provincia, o turismo náutico e mariñeiro ou os eventos deportivos, festivos e culturais.

Nase sentido, desde a Concellería de Turismo, consideran que os extraordinarios datos de agosto “son a base ideal” sobre a que seguir impulsando a desestacionalización e a diversificación”, e preparan xa numerosas actividades, en colaboración con todos os departamentos do Goberno local, coas que seguir descubrindo un destino de calidade con “gastronomía, natureza, deporte, cultura, patrimonio e moito máis” para os próximos meses e os 365 días do ano

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio